Na Actualidade

DESCRIPCIÓN XEOGRÁFICA

 

Superficie: 48,5 km²
Población: 9.070 habitantes
Parroquias: Carcacía (San Pedro)Cruces (Santa María)Herbón (Santa María)Iria Flavia (Santa María)Padrón (Santiago)

Padrón é unha vila situada ao sur da provincia da Coruña. É un magnífico enclave entre os ríos Sar e Ulla, que se distribúe polas parroquias de Carcacía, Cruces, Herbón, Iria Flavia e Padrón. Ten ademais fortes vínculos comarcais cos concellos limítrofes de Dodro e Rois. A situación e desenvolvemento histórico explican a alta densidade de poboación.

Grazas ao seu clima cálido e chuvioso, Padrón convértese nunha despensa natural para Galicia e por méritos propios no paraíso da gastronomía. É o motor dunha comarca con vocación de autonomía e modernización, fenómeno que se reflicte na diversificación da súa estrutura económica. Padrón soubo medrar industrialmente e, ao mesmo tempo, desenvolver uns servizos equilibrados.

 

COMO CHEGAR

 
O concello de Padrón está ao sur da provincia da Coruña, no seu límite con Pontevedra. A estrada N-550, que une a cidade herculina con Tui, atravesa o concello de norte a sur. Esta é a súa principal vía de comunicación, xunto coa autoestrada AP-9 que ten servizo de entrada e saída en Herbón.
Da vila de Padrón parten en forma radial outras estradas. A C-550 chega a Ribeira (42 quilómetros) despois de rodear a marxe setentrional da ría de Arousa. Cara ao norte sae a LC-301 de Lousame e a Noia (28 quilómetros), cun percorrido moi accidentado e pintoresco. Por último, a estrada LC-242 remonta o curso do Ulla cara a Pontevea (13 quilómetros).
Padrón ten estación de ferrocarril da liña que une Vigo coa Coruña.

Distancia coas principais cidades por estrada:
-A Coruña: 80 km.
-Ferrol: 109 km.
-Lugo: 116 km.
-Ourense: 101 km.
-Pontevedra: 36 km.
-Santiago de Compostela: 21 km.
-Vigo: 63 km.

Ligazóns de interese:
-D.G.T. Dirección General de Tráfico. www.dgt.es
-Ministerio de Fomento. www.mfom.es
-Xunta de Galicia. www.xunta.es
-Repsol-YPF. www.repsol-ypf.com
 

INFORMACIÓN TURÍSTICA

  
O visitante pode achegarse ao monte Pedrón, do que conta a lenda que alí se achaba a ara que serviu para atar a barca na que chegou o Apóstolo a Galicia. Actualmente esta rocha está debaixo do altar maior da igrexa de Santiago. Dende o lugar onde primitivamente estaba o Pedrón hai que cruzar a ponte de Santiago para entrar na vila. Construída en 1852, substitúe unha anterior que foi destruída por unha riada.

Tamén hai que mencionar a igrexa de Santiago, que é a igrexa parroquial. Levantada en 1133, estaba situada orixinariamente na marxe esquerda do río Sar, aínda que dela só se conserva unha pedra a carón da porta que dá ao 'Espolón'. Aquel templo desapareceu e o novo construíuse a mediados do século XIX, fronte ao 'Espolón'.

Se dende Padrón se cruza a ponte de Santiago, atoparémonos diante da fonte do Carme. É unha fermosa obra reconstruída a finais do século XVIII.

Ademais, preséntase ante os ollos do paseante unha costa magnificamente lousada que leva dende a fonte ao convento do Carme, brillante mostra do neoclasicismo galego e excepcional miradoiro sobre a vila. Principiado no inicio do século XVIII sobre unha rocha viva, está apegado ao monte de San Gregorio.

Tamén, dende a fonte do Carme pola estrada que leva a Noia, está o magnífico pazo Torre do Monte. Entre el e as numerosas casas típicas que o rodean está a casa natal do escritor Nicasio Pajares, nela hai unha placa conmemorativa que o lembra. Ao carón do pazo Torre do Monte nacen as escaleiras que conducen á ermida de Santiaguiño do Monte. Nos arredores hai unha área recreativa, que convida ao descanso, e no interior destaca unha imaxe do Apóstolo. Preto desta construción están as penas onde predicou o Apóstolo.

Baixando de novo as escaleiras alzábanse as ruínas do pazo do Vinculeiro, entre as que hai dúas pedras armeiras cos brasóns das familias Montenegro, Torre, Andrade, Caamaño e Moscoso. Grazas á iniciativa privada, foi excelentemente habilitado como vivenda particular.

Regresando á zona urbana ábrese, á dereita, unha enorme alameda presidida pola escultura de Rosalía de Castro: é 'O Espolón'. Este gran espazo é a alma mater da vila: paz e sosego entre semana e bulicio e feira sen igual cada domingo. Hai un espazo aberto dividido en dúas zonas (praza de Camilo Xosé Cela e praza de Macías 'O Namorado') que lembran a dous dos padroneses máis ilustres. Moi preto está a Casa do Concello do século XVIII e o palacio do bispo de Quito, con fermosos soportais.

O xardín botánico-artístico é dende 1946 Monumento Artístico Nacional. A súa fermosa fonte e a estatua de Macías 'O Namorado' pasan case desapercibidas no medio daquel verxel onde conviven en harmonía especies tan variadas e de procedencia tan diversa e afastada.