Historia

A historia de Padrón vai ligada á de Iria Flavia, que era unha gran cidade romana, cando, segundo a tradición xacobea, chegou a estas costas o corpo do Apóstolo Santiago, martirizado en Xerusalén. Segundo esta tradición, a barca que o traía atracou no río Sar e foi amarrada a unha pedra, ou pedrón, que deu nome á nova poboación.

Desde o século IX a peregrinación a Compostela consolidouse como unha das Rutas máis importantes do cristianismo. Isto afectou a todos aqueles lugares polos que este Camiño discorría.

Así un factor de dinamismo foron as sucesivas obras realizadas -ou promovidas- polos bispos que requirían moita man de obra: construción de murallas, pontes, calzadas, hospitais e hospedaxes... así como outras obras de infraestruturas. Todo iso contribuíu a que se orixinasen novos núcleos de poboación, ao redor dos cales se producían constantes renovacións económicas e culturais.

Padrón, as súas lendas e os seus achados, presiden parte da historia da comarca, moi vinculada aos acontecementos xacobeos.

 

O nome da vila deriva da palabra pedrón, un militario romano que estaba situado na beira da ría de Arousa e, ao que segundo a lenda, atouse a barca que portaba o corpo do Apóstolo Santiago. Este pedrón, que hoxe se atopa na igrexa parroquial de Santiago de Padrón, deu orixe ao topónimo do pobo.

Desde que os restos do Apóstolo foron levados a Santiago de Compostela, Padrón convértese no principio da ruta cara ao sepulcro para os peregrinos que chegan por mar. Tamén se converte en obxectivo para os saqueadores viquingos e normandos entre os séculos X e XI, polo que Alfonso V ordenou reconstruír as Torres do Oeste, o antigo Castellum honesti de orixe romana, a principios do século XI e, deste xeito, a vila deixou de ser asaltada, gozando dunha gran prosperidade durante os séculos XII e XIII.

O arcebispo Diego Gelmírez, nacido nas Torres de Oeste, foi un dos artífices desa prosperidade. El foi quen construíu un peirao a beiras do Sar - xa que Padrón tivo porto até o século XVII, cando os aluvións do río Sar produciron a retirada da ría -, onde está agora a igrexa de Santiago e a rúa Murgadán, e dos seus estaleiros saíron as primeiras galeras da Mariña española. O arcebispo Rodrigo de Lúa, no século XV, morou dous anos enteiros en Padrón con todo o cabildo compostelán, co fin de protexerse dos condes de Altamira. O seu fermoso sepulcro con estatua yacente pode verse na igrexa de Iria Flavia.