Print this page
-->

O Derbi Asnal regresa o 24 de xullo ás rúas de Padrón con suculentos premios e gratificacións

As inscricións realizaranse entre o 11 e o 21 de xullo, ambos os dous días inclusive  ||  

Haberá premios de 100 €, 80 € e 60 € máis trofeo para os tres primeiros clasificados  ||  

Establécese un premio especial á mellor morfoloxía dotado con 50 € e trofeo  ||  

O Concello gratificará con 40 euros ao dono de cada animal participante e con 20 euros a cada xinete  ||  

 

O Concello de Padrón vén de facer públicas as bases que rexerán o Gran Derbi Asnal 2022, unha cita senlleira que reúne edición tras edición a centos de seguidores polas rúas de Padrón, no marco das festas do Santiaguiño do Monte. Como xa vén sendo tradicional, a popular carreira de burros volverá ás rúas do casco histórico da vila o día 24, véspera do día grande do Santiaguiño do Monte, ás 20.30 horas.

Os e as xinetes que desexen participar na carreira deberán formalizar a súas inscricións entre o 11 e o 21 de xullo (ambos inclusive). Para elo deberán entregar a correspondente solicitude de participación nas oficinas do Centro Social, de luns a venres, en horario de 9.00 a 14.00 horas. Tamén poderán remitir a mesma por correo electrónico ao enderezo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..

Tal e como recollen as bases do concurso, só poderán participar maiores de 16 anos. As persoas menores de 18 anos terán que formalizar a inscrición acompañados do pai\nai ou titor\a legal e presentar o DNI.

Nesta edición establécese un primeiro premio de 100 euros e trofeo para o propietario do burro que realice o percorrido completo e chegue á meta no menor tempo. O segundo premio será de 80 € e trofeo e o terceiro, de 60 € e trofeo.

Tamén se establece un premio especial á mellor morfoloxía cunha contía de 50 € e trofeo.

Ao obxecto de potenciar a participación no Derbi Asnal 2022, o Concello de Padrón gratificará con 40 € ao dono de cada animal participante e con 20 euros a cada xinete.

Subliñar que a carreira de burros consistirá en dar catro voltas ao circuíto circular deseñado polo casco histórico, con saída e meta na rúa Tetuán. Deste xeito, xinetes e monturas pasarán pola rúa Real, a praza de Ramón Tojo, rúa Rosalía de Castro, rúa Longa e a propia rúa Tetuán ata completar a totalidade das voltas previstas.

O xurado, composto por 5 persoas e nomeado pola Concellaría de Festexos, será o encargado de supervisar e valorar o derbi. E, unha vez finalizada a carreira, levantará a acta.

Como xa vén sendo habitual, un equipo de veterinarios será o encargado de supervisar a saúde e as certificacións dos animais participantes. Cómpre remarcar que cada burro inscrito deberá estar identificado co microchip e gozar de boas condicións. Non se aceptará a participación de ningún burro sen microchip, que non estea correctamente identificado ou que, os veterinarios, non consideren aptos para o concurso.

As bases tamén establecen a prohibición de maltrato animal, o uso do freo, fusta ou calquera outro elemento para arrear ao animal durante a carreira. Quen faga uso dos mesmos quedará automaticamente descualificado.

As bases poden consultarse no seguinte enlace.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…