Print this page
-->

Padrón abre hoxe a piscina da Escravitude con sábados de festa este mes para público infantil

  • As instalacións permanecerán abertas ata o 4 de setembro, en horario de 14.00 a 21.00 horas, de luns a domingo  ||

  • Establécense bonos de 20 entradas a 30 euros, para o público xeral, e de 10 euros para familias numerosas, xubilados, pensionistas e rapaces e rapazas de 14 a 17 anos ||

  • O Concello programa 3 sábados especiais para nenos e nenas de 4 a 12 anos das distintas parroquias, con servizo de autobús ||

 

As instalacións da piscina municipal descuberta da Escravitude (Padrón) abren hoxe as súas portas e o farán ata o 4 de setembro, en horario de 14.00 a 21.00 horas, de luns a domingo. Coa apertura da piscina, Padrón inaugura oficialmente a temporada de baño do verán.

Para que os pequenos e pequenas de todos os lugares do municipio poidan gozar da piscina e dun día de baño, o Concello de Padrón programou tres días especiais ao longo deste dirixido a este colectivo. Así, os sábados 9, 16 e 23 de xullo, de 10.30 a 13.30 horas, celebraranse festas na piscina dirixidas ao público infantil de 4 a 12 anos.

Un autobús percorrerá cada sábado varias parroquias e/ou lugares do municipio recollendo aos nenos e ás nenas que previamente se anotaran. As prazas están limitadas a 20 participantes cada un dos sábados nos que está programada esta actividade.

En caso de quedar prazas dispoñibles, o Concello podería ofertar que as familias leven os nenos e as nenas doutras parroquias directamente á piscina municipal e/ou recollelos e deixalos nalgunha das paradas correspondente a ese sábado,  previa inscrición.

Así, o sábado 9 de xullo, o autobús con monitores de acompañamento percorrerá Carcacía e Herbón recollendo aos cativos e ás cativas destes lugares; o día 16 de xullo, tocaralle a quenda aos nenos e ás nenas de Iria, Extramundi e Pazos. E, finamente, o 23 de xullo, a ruta está programada para o público infantil da Ponte, Padrón e A Escravitude.

Para poder participar nesta actividade, os participantes e as participantes terán que terse anotado previamente. As inscricións deben facerse no Centro Social, de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas.

O acceso á piscina municipal da Escravitude terá un custe diario de 2,50 € por persoa para o público adulto a partir dos 18 anos, e 1 euro\persoa para o colectivo de xubilados e pensionistas, familia numerosa e rapaces e rapazas de 14 a 17 anos. Para os nenos e as nenas menores ata os 13 anos, a entrada ás instalacións é gratuíta. O abono da entrada unitaria farase no momento de acceder ao recinto.

O Concello de Padrón tamén pon a disposición da cidadanía bonos de 20 entradas a 30 euros para o público adulto (a partir dos 18 anos), e tarifa reducida de 10 euros (20 bonos) para rapaces e rapazas de 14 a 17 anos, familia numerosa e xubilados e pensionistas. Os bonos expediranse na Tesourería municipal do Concello, previo depósito do importe da taxa correspondente.

Lembrar que para poder acceder ás instalacións da piscina descuberta da Escravitude é obrigatorio o uso de chancletas.

Festas piscina municipal Redimensioado

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…