Celebrarase o sábado 11 de xuño ás 21.30h na Praza de Macías // Actuarán os grupos Buxaina, Hei de Cantar e Beillar, Tahúme e a propia agrupación O Pedrón // O evento, presentado polo músico e actor Félix Rodríguez, rematará cunha foliada aberta ao público // O Paseo do Espolón será escenario pola tarde de obradoiros de baile e pandeireta para todas as idades
A música tradicional dos grupos Buxaina (Vigo), Hei de Cantar e Beillar (Santiago e Muros), Tahúme (Ribeira) e O Pedrón (Padrón) protagonizará a décimo terceira edición do Festival Folclórico do Pedrón, que se celebrará o 11 de xuño ás 21.30 horas na Praza de Macías. O Concello de Padrón apoia esta iniciativa, organizada pola A.F.C. O Pedrón, e que contará co artista Félix Rodríguez como mestre de cerimonias. Obradoiros musicais e unha foliada completan a programación da cita.
A concelleira de Cultura, Lorena Couso, afirma que "é un orgullo para os padroneses e as padronesas termos consolidado un festival destas características e dimensións", e resalta que se trata "dunha actividade que vai máis alá dun concerto de música tradicional, porque busca recuperar e transmitir ás novas xeracións un patrimonio inmaterial que nesta comarca está máis vivo que nunca".
O festival, convertido xa nun referente dos sons máis apegados á terra, abrirase no Paseo do Espolón con tres obradoiros para todas as idades aos que se pode asistir inscribíndose no teléfono 680 37 22 58. O primeiro deles centrarase na iniciación ao baile galego, e impartirao Martín Mondragón (16.30h a 17.30h); o segundo, na pandeireta nas terras de Padrón, con Miguel Barbazán (17.30h a 19.00h); e o terceiro, nos puntos de baile achegados aos investigadores por Balbina Ojea, veciña de Carcacía e coñecida como Balbina de Pousada, tamén con Martín Mondragón (17.30h a 19.00h).
O momento cumio da noite será o Festival Folclórico, que comezará na Praza de Macías contra as 21.30h. Actuarán o Grupo Etnográfico A Buxaina (Coruxo, Vigo); Hei de Cantar e Beillar (formado por integrantes de Cantigas e Agarimos, de Santiago, e de Persemique, de Muros); o Grupo de Baile e Música Tradicional Tahúme (Ribeira); e a propia formación da asociación padronesa O Pedrón. O presentador, Félix Rodríguez, é un artista multidisciplinar con máis de 20 años de traxectoria como actor cómico e percusionista en formacións como Banda Bacana ou Nastasia Zürcher & The Beautifull Band.
A festa non rematará coas actuacións dos grupos. Cara a medianoite, dará comezo unha foliada aberta á participación de todo o público, tamén na Praza de Macías.