Print this page
-->

O alcalde de Padrón participa na homenaxe a Cela no 106 aniversario do seu nacemento

Reivindica a relectura da súa obra e, entre as moitas facetas do escritor, resalta que “Cela contaba historias cunha forza que moi poucos lograron xuntar nas súas carreiras”  ||  

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, a concelleira Lorena Couso e o alcalde de Rois, Ramón Tojo, asistiron á ofrenda floral  ||  

Alumnos do IES Camilo José Cela, Macías o Namorado e SEK Atlántico participaron na lectura publica de ‘La Rosa’  ||  

20220511 Padron homenaxe Cela centenario 3

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, presidiron hoxe un dos actos conmemorativos do 106 aniversario do nacemento de Camilo José Cela, que consistiu nunha ofrenda floral no cemiterio de Adina e, posteriormente, na lectura pública da obra ‘La Rosa’ na sede da fundación do premio Nóbel. Na lectura participou alumnado dos IES Camilo José Cela, Macías o Namorado e SEK Atlántico, autoridades, representantes da fundación e persoas asistentes. 

Ao acto asistiron, entre outras autoridades, a concelleira de Cultura, Lorena Couso; o alcalde de Rois, Ramón Tojo, e representantes da Fundación; Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, e Cristina Trulock, familiar do escritor.

Fernández Angueira animou aos presentes a reler a obra do escritor padronés. “Unha figura da literatura significa pouco se as súas obras non son lidas, relidas e recordadas”, asegurou. O alcalde lembrou as moitas facetas do Nóbel. “Está o Cela académico, o intelectual, o viaxeiro, o polemista, o coleccionista... Pero, sobre todo, ao que se dedicaba Cela era a contar historias cunha forza que moi poucos escritores lograron xuntar nas súas carreiras”, afirmou.

20220511 Padron homenaxe Cela centenario 1

Pola súa banda, o secretario xeral de Cultura apuntou o carácter especial da homenaxe deste ano, no que a Xunta conmemora o 20 aniversario da morte do Nobel galego con diversas iniciativas para poñer en valor a súa figura e legado. Entre elas referiuse á musealización da locomotora coñecida como Sarita, tras o proceso de restauración que se está desenvolver na peza principal do Museo do Ferrocarril.

A ofrenda floral realizada hoxe forma parte da programación deseñada pola Fundación Camilo José Cela no marco de Letreseo, celebración arredor das Letras Galegas que comezou o pasado luns e se prolonga ata o 20 de maio. Así, nestes días estanse a realizar neste espazo actividades especiais para centros escolares e xornadas de portas abertas para todos os públicos. 

Esta mesma tarde celébrase unha visita teatralizada a cargo de Suso Martínez como Matías Martí. Nela o actor lembrará o seu compañeiro Pedro Brandaríz, falecido en febreiro, e co que tiña previsto ofrecer un espectáculo arredor de Camilo José Cela. Xa a vindeira semana, o mércores 18, Día Internacional dos Museos, ofrecerase o espectáculo divulgativo de narración oral Tertulias clandestinas con Camila Trulock Bertorini.

20220511 Padron homenaxe Cela centenario 2

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…