A Asociación Nacional de Agrupaciones y Asociaciones de Voluntarios de Protección Civil de España concedeulle a Placa ao Mérito na súa categoría de ouro á Agrupación Protección Civil de Padrón, en recoñecemento a un cuarto de século de servizo á poboación. O concelleiro padronés Francisco García e o coordinador da entidade galardoada, Pablo Muñiz, recolleron o premio nun acto celebrado o pasado sábado na Academia Galega de Seguridade Pública, na Estrada.
A distinción de ANAV Protección Civil España recoñece o traballo de Protección Civil de Padrón desde hai 25 anos. O traballo da Agrupación padronesa é visible e imprescindible tanto en situacións de risco para a poboación como na coordinación e organización de diversos eventos festivos ou deportivos, o que demostra a flexibilidade e a profesionalidade deste corpo.
Para o concelleiro de Padrón Francisco García este é "un recoñecemento ben merecido, ao que nos sumamos en nome de toda a cidadanía. Poucas entidades locais teñen a importancia da Protección Civil na vida diaria dos padroneses e das padronesas". Ao seu xuízo, "é moi salientable o compromiso que os voluntarios e voluntarias mostran no día a día, estando presentes en numerosas ocasións e botando unha man imprescindible cada vez que fan falta. Para que as cousas funcionen é necesaria unha agrupación con este nivel de profesionalidade e boa disposición".