Print this page
-->

O Xardín Botánico de Padrón acolle este domingo 'Xardín utopía', unha intervención interxeneracional sobre o medio natural

Esta acción pecha un obradoiro no que participan integrantes de Voluntariado Sénior e alumnado do IES Camilo José Cela  || 

O grupo teatral Chévere, a cooperativa Feitoría Verde e SEPA-USC dirixen o proxecto  ||  

 

O Xardín Botánico-Artístico de Padrón acolle este domingo 8 de maio ás 12:30 horas unha intervención colectiva dentro do marco de Xardín Utopía, un proxecto colaborativo coma­­­ndado polo grupo teatral Chévere, a cooperativa sen ánimo de lucro Feitoría Verde e o SEPA (Grupo de Investigación en Educación Ambiental da facultade de Pedagoxía da USC). A experiencia desenvol­­­­­­veuse durante todo o curso nun equipo de traballo formado por 20 alumnos de segundo de Bacharelato do IES Camilo José Cela e seis integrantes do grupo sénior da Oficina Municipal de Voluntariado do Concello de Padrón. 

Para a concelleira de Xuventude e Voluntariado, Lorena Couso, este proxecto supón “unha aposta para seguir conservando o medio ambiente, implicando a persoas de diferentes xeracións”. Couso Dopazo destaca a implicación dos integrantes do Voluntariado Sénior “que sempre están dispostos a colaborar e a aportar a súa experiencia, compartindo actividades coma esta coa xuventude”.

Baixo o título “Do desequilibrio aos soños compartidos, narrativas de futuro sostibles”, a iniciativa traballa na educación ambiental mesturando distintas xeracións. A fundación Daniel e Nina Carasso financia esta acción, dentro da convocatoria “Componer Saberes 2021”.

A intervención do domingo servirá como peche deste obradoiro e contará coa presenza de boa parte dos participantes no proxecto, ademais de representantes do Concello e das entidades implicadas. Consiste na disposición de códigos QR ao pé dalgunhas árbores, que o público pode descargar no móbil para escoitar as mensaxes de voz gravadas polas persoas participantes no obradoiro. Unhas son desexos de futuro persoais, outras son textos sacados do libro Utopía de Tomás Moro, publicado no século XVI, no que se usa por primeira vez a palabra Utopía. Con esta acción quérese reivindicar a nosa capacidade para imaxinar futuros mellores e desexables, nun momento no que se impón a distopía como pensamento único.

Espazos de conversa

En paralelo á intervención, o Xardín será tamén escenario para a conversa e a reflexión entre as 12.30 e as 14h con tres espazos de debate. A conversa “Saídas de emerxencia!” sobre a situación actual do cambio climático estará a cargo da Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGEA); “Amañando o mundo!”, ou o que podemos facer para frear este cambio, estará guiada polo Movemento Galego polo Clima; e as consecuencias que tería non conseguilo trataranse en “Viaxe ao Padrón tropical”, co grupo Resclima-USC.

Sobre o proxecto

O cambio climático constitúe o maior reto ambiental ao que se enfronta a humanidade na actualidade. Porén, os proxectos e actividades educativas postas en marcha, no pasado e no presente, non están conseguindo os efectos desexados.

Por este motivo, e dado que cada vez son máis os estudos que sinalan a importancia das identidades, as emocións, a ética e as formas culturais na vinculación das sociedades contemporáneas, decidiuse recorrer ao teatro como ferramenta para desenvolver lecturas alternativas e críticas da realidade a través das emocións. Para isto, trabállase con destinatarios pouco habituais (público xuvenil e sénior) buscando a interacción interxeneracional, de xeito que as persoas máis novas poden aportar a súa enerxía e as maiores o seu saber.

Para o seguinte curso 2022-23 o proxecto desenvolverase en Pontevedra e Arzúa.

Sobre os participantes

Feitoría Verde é unha cooperativa sen ánimo de lucro que entende a educación como un  proceso lento de artesanía: orixinal, cheo de afectividade, de tempo investido e de pequenos detalles. Deseña e desenvolve proxectos de educación ambiental, educación socio-afectiva e emocional, participación social e igualdade, reflexo da traxectoria profesional das súas socias. Ten deseñado e desenvolvido programas de educación ambiental como “Des-Equilibristas”, para público mozo, e participado noutros como “Do Des-equilibrio á Des -Carbonización”.

O Grupo Chévere conta con máis de 30 anos de experiencia que conta con varios traballos sobre a crise climática, como S.O.S. Planeta Terra (2008) e máis recentemente As Fillas Bravas e o Mito de Casandra (2020) e N.E.V.E.R.M.O.R.E. (2021). Chévere colabora co Grupo SEPA da USC desde 2018, tanto no proxecto "Descarboniza! Que non é pouco", desenvolvido con grupos de persoas maiores en Santiago de Compostela, como na produción da obra As Fillas Bravas e o Mito de Casandra.

O Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA), da Universidade de Santiago de Compostela vén desenvolvendo desde hai dúas décadas unha liña de investigación centrada en analizar como se percibe o cambio climático, como se representa socialmente e como é valorado pola cidadanía, a través do Proxecto RESCLIMA (www.resclima.info). O traballo deste grupo tamén trata de aplicar o coñecemento xerado ao deseño de recursos e iniciativas socio-educativas, como é o caso do Proxecto "Descarboniza! Que non é pouco...".

O proxecto “Do desequilibrio aos soños compartidos, narrativas de futuro sostibles” conta co apoio económico e acompañamento da Fundación Daniel e Nina Carasso, a través da súa convocatoria “Compoñer saberes para imaxinar e construír futuros sostibles 2021”. Con esta convocatoria a Fundación busca atopar proxectos que poidan supor unha palanca de cambio no ámbito da Arte Cidadá.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…