Print this page
-->

Comeza a andar en Padrón a mesa de coordinación local contra a violencia de xénero

  • A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, inaugurou a primera sesión esta mañá en Extramundi

  • O alcalde, Antonio Fernández, incide na colaboración de toda a sociedade para pórlle fin ás agresións machistas

A mesa local de coordinación interinstitucional fronte á violencia de xénero, constituída tras ser aprobada por unanimidade no pleno municipal do 31 de marzo, comezou hoxe a andar coa celebración da súa primeira sesión en Extramundi. Esta sesión foi inaugurada pola secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; na compaña do alcalde de Padrón, Antonio Fernández; e a concelleira de Igualdade, Lorena Couso, que preside o novo órgano, mentres que o Centro de Información á Muller Terras de Iria actuará como dinamizador.

Antonio Fernández amosou a súa satisfacción pola posta en marcha da mesa sectorial padronesa contra a violencia de xénero, que reúne, tal e como destacou, máis de vinte entes vencellados ao municipio, entre os que se encontran a corporación municipal, as forzas de seguridade, os centros educativos, o centro de saúde ou asociacións de mulleres, de inclusión social, deportivas e empresariais. “É de vital importancia a colaboración de toda a sociedade para acabar coas agresións e poder darlle unha resposta máis áxil e satisfactoria ás mulleres que as sofren”, dixeron. O obxectivo é marcar as liñas dun protocolo común de actuación fronte aos casos de violencia de xénero para ofrecer unha cobertura coordinada e integral.

A  mesa local, que acordou reunirse cada catro meses na sede dun dos axentes implicados por orde rotatoria, celebrou a súa primeira sesión esta mañá no local da Asociación de Mulleres Rurais A Carballeira en Extramundi. Este encontro serviu para debater o plan de traballo que se levará a cabo ao longo do presente ano 2022, poñendo sobre a mesa distintas propostas que abranguen o desenvolvemento de actividades e xornadas formativas, ademais da elaboración dun directorio dos recursos cos que conta o municipio para facerlle fronte ás agresións machistas e axudar ás vítimas.

20220429 primeira xuntanza mesa sectoria igualdade padron

Participaron na sesión membros de todos os grupos políticos con representación municipal, da Garda Civil, do Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES) de Padrón, dos centros educativos da localidade, da Anpa do CEIP Flavia, do centro de saúde, da Asociación de Mulleres Rurais A Carballeira e da Asociación Mulleres en Padrón, da asociación Andaina, do CD Extramundi e da empresa Finsa.

A constitución da mesa sectorial de Padrón culmina un proceso comezado hai máis de dous anos con diversas tomas de contacto e sesións formativas nas que participaron os distintos axentes implicados. As reunións, interrumpidas pola pandemia, puideron finalmente reanudarse o  pasado mes de febreiro.

Un estudio diagnóstico realizado pola Consellería de Emprego e Igualdade o ano pasado constatou o importante papel das mesas sectoriais locais na detección de casos de violencia de xénero naqueles municipios nos que xa están traballando.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…