Print this page
-->

Padrón e Rianxo reafirman a súa irmandade no Martes de Pascua

As ofrendas florais a Rosalía e Castelao serven para destacar a importancia clave das dúas vilas para a cultura galega // Os alcaldes poñen en valor os proxectos conxuntos que benefician á veciñanza de ambos os dous municipios //

20220418 Pascua Padron Dia Rianxo recepcion oficiail 6Os alcaldes de Padrón e de Rianxo, Antonio Fernández e Adolfo Muíños, reafirmaron onte o compromiso e o respecto mutuo entre as dúas localidades na celebración do Día de Rianxo, dentro dos actos da Pascua padronesa. Ambos os dous rexedores ofreceron unha ofrenda floral ante os monumentos a Rosalía e Castelao, presidiron unha xuntanza no salón de plenos na que se falou de intereses mutuos e escoitaron desde o balcón do Concello a actuación conxunta das Bandas de Música das dúas vilas.

O acto de unión recuperouse despois de catro anos nos que, pandemia mediante, non se puido celebrar. Para o  alcalde padronés, trátase dun xesto natural para dúas vilas "entre as que non hai fronteiras". O rexedor destacou o enorme peso que as dúas localidades teñen para a cultura e a forma de ser de Galicia, sendo como son berce de artistas, escritores e intelectuais como Rosalía de Castro, Cela, Castelao ou Manoel Antonio: "Seguimos vinculados polo espírito galeguista e identitario que Rosalía e Castelao nos inculcaron e sementaron na nosa terra e que, xunto con outros escritores ilustres como Cela ou Manoel Antonio, fan de Padrón e de Rianxo, de Rianxo e de Padrón un referente na cultura galega, española e, atreveríame a dicir, tamén internacional", dixo.

Máis alá desta importancia no eido do pensamento, Antonio Fernández estendeu o "espírito de irmandamento" á "recuperación de proxectos conxuntos para beneficiar á nosa veciñanza. Como o Programa Integrado de Emprego no que colaboramos os dous concellos, xunto con Dodro e Rois, para formar a persoas en paro e ofrecerlles unha oportunidade laboral, ou programas como Goza do Ulla e de posta en valor do Camiño de Santiago A Orixe, que parte do faro de Corrubedo". Fernández destacou a importancia para a bisbarra da declaración da Pascua como Festa de Interese Turístico de Galicia, "algo que Rianxo xa sabe o que significa, porque dende o ano 2000 a Guadalupe conta con este recoñecemento".

Pola súa banda, o alcalde de Rianxo incidiu no feito de que "a cultura galega se pode explicar sen saír de Rianxo e de Padrón". A puxanza industrial e comercial padronesa é, segundo Adolfo Muíños, un bo espello para se mirar. O rexedor rianxeiro agasallou ao padronés cunha reedición facsimilar do libro Escolanía de merlos, do poeta Faustino Rey Romero.

Os actos do Día de Rianxo incluíron unha emotiva ofrenda floral, á que asistiron as dúas corporacións municipais, ante as estatuas que recordan ás principais figuras literarias das dúas vilas. A primeira parte do evento tivo lugar no Espolón, ante o monumento a Rosalía de Castro; despois, a comitiva trasladouse ao Xardín Botánico, onde se atopa o busto que celebra a talla artística de Castelao. Tras celebrar o acto institucional no salón de plenos, as corporacións padronesa e rianxeira escoitaron as bandas municipais dos dous concellos desde o balcón da casa consistorial. Logo, a Banda de Música de Rianxo ofreceu un concerto na praza de Macías, moi aplaudido polo público presente.

 

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…