Print this page
-->

Padrón e Santiago renovan unha irmandade que se celebra desde hai máis de 60 anos na Pascua

  • Antonio Fernández Angueira anima a “fortalecer os nosos vínculos e perseguir novas metas conxuntas” //

  • Sánchez Bugallo amósase compracido por “recuperar esta tradición que nos une e que nos últimos anos non se puido celebrar pola pandemia” //

  • As bandas de música de Padrón e Santiago amenizan a xornada festiva do Luns de Pascua //

Os concellos de Padrón e Santiago renovaron hoxe os seus lazos de irmandade nun acto protocolario que se vén celebrando desde hai máis de 60 anos coincidindo co Luns de Pascua. “Parecen moitos, pero realmente poden considerarse moi poucos se temos en conta que os nosos vínculos se somerxen na historia de varios séculos”, destacou o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira.

As corporacións compostelá e padronesa reuníronse na entrada da vila do Sar onde se intercambiaron os bastóns de mando e pendóns. Acompañadas polas bandas municipais de música de Padrón e Santiago nun pasarrúas, acudiron ata a Casa do Concello. Durante as intervencións dos alcaldes de Santiago e Padrón no salón de plenos puxéronse de manifesto os lazos históricos e culturais que unen ambas as dúas vilas, como a orixe do fenómeno xacobeo ou Rosalía de Castro “que naceu en Santiago e veu vivir a Padrón”, dixo Fernández Angueira.

O rexedor padronés, Antonio Fernández, animou a “fortalecer os nosos vínculos, reforzar proxectos comúns como a peregrinación xacobea e a perseguir novas metas conxuntas”. Pola súa banda, Xosé Sánchez Bugallo amosouse compracido por “recuperar esta tradición que nos une e que nos últimos anos non se puido celebrar pola pandemia”. O rexedor de Compostela aplaudiu que “este Ano Santo se prolongase de forma extraordinaria” e emprazou á corporación padronesa á tradicional xuntanza do Día de Padrón das Festas do Apóstolo.

20220418 Pascua Dia Santiago Padron 4 web

Logo das intervencións, as dúas corporacións saíron ao balcón do Concello para saudar á veciñanza e para escoitar a actuación das dúas bandas, que remataron interpretando os himnos de Galicia e España. A continuación, a Banda Municipal de Música de Santiago ofreceu un concerto na praza de Macías seguido por numeroso público.

A Pascua de Padrón, que vén de ser declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, continúa a ofrecer un amplo e variado programa de actividades ata o vindeiro domingo, 24 de abril. Esta tarde terá lugar o espectáculo infantil Paio e o poder da música, a cargo de Oviravai; a actuación do grupo folclórico Algueirada de Pontecesures; e a verbena coas orquestras Saudade e América. Mañá, martes, será o Día de Rianxo en Padrón e a orquestra Panorama presentará a súa xira 2022.

Tanxugueiras xunta a 7.000 persoas

A actuación das Tanxugueiras foi o prato forte do programa de onte. O seu concerto no Fondo de Vila foi seguido por máis de sete mil persoas, que estiveron animando e cantando as cancións das pandeireteiras durante hora e media, e que rematou con ‘Terra’, o tema que as fixo famosas no Benidorm Fest.

20220417 Concerto Tanxugueiras Pascua 2022 Padron 6

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…