Print this page
-->

O campo da Barca encheuse de afeccionados para participar na Feira cabalar de Pascua

Dende a organización destacaron o alto nivel dos cabalos procedentes de toda Galicia que participaron nos concursos || 

Numeroso público no concerto que a Banda de Música de Padrón ofreceu na praza de Macías || 

O pasarrúas do grupo folclórico San Pedro de Carcacía e dos xigantes e cabezudos sorprendeu a moitos turistas e padroneses || 

 20220417 Feira Cabalar 04

A Feira cabalar de Pascua, unha das tradicións máis arraigadas das festas de Padrón, xuntou hoxe no campo da Barca a exemplares procedentes das catro provincias galegas e a milleiros de afeccionados, que encheron tanto a zona reservada a feira como a praza na que se desenvolveron os concursos morfolóxicos. O concerto da Banda de Música de Padrón e o pasarrúas dos xigantes e cabezudos acompañados polo grupo folclóricos San Pedro de Carcacía foron as outras citas destacadas desta mañá.

 20220417 Feira Cabalar 03

Dende a Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga) destacaron a calidade dos exemplares que participaron nas diferentes categorías, en especial os de pura raza española e árabe. E resaltaron o feito de que acudisen criadores das catro provincias galegas, algún deles dende Tomiño. A Feira cabalar de Pascua é unha das citas de referencia na equitación galega, e despois de dous anos de pandemia, “notouse que a xente tiña gana de recuperar a normalidade”, indicou un membro da organización. 

Ademais do numeroso público que se congregou esta mañá no campo de Barca, e que encheu as bancadas da praza na que se desenvolveron os concursos, dende a organización tamén puxeron énfase en que algúns dos participantes eran xente nova, o que facilitará o relevo xeracional na cría de cabalos de calidade na nosa comunidade autónoma.

A Feira Cabalar, organizada polo Concello de Padrón coa colaboración de Puraga, Concursos Hípicos no Camiño, Xacobeo 21-22 e Abanca; repartiu esta mañá 3.600 euros en premios e contou cunha exhibición de doma adaptada.

Concerto da Banda de Música

 20220417 Banda Musica Padron IMG 9136

Ademais da Feira cabalar, a festa continúa en Padrón no día grande da Pascua. Así, mentres moitas persoas se recuperaban da longa velada do sábado, outros acudiron a mediodía ata a praza de Macías para escoitar o concerto da Banda de Música de Padrón.

Dirixidos por Braulio Cao, os corenta músicos (a maioría xente nova) interpretou unha decena de temas para goce do público. Algunhas das pezas máis aplaudidas foron ‘La Dolores’, de Tomás Bretón; o pasodobre ‘Puenteareas’, de Reveriano Soutullo, ou a zarzuela ‘La Gran Vía’, de Chueca y Valverde.

Xigantes e cabezudos

  20220417 xigantes ALF8212

Pouco despois de que as atraccións do Campo do Souto retomasen a actividade para alegría da cativada, á praza Fondo de Vila chegaban os xigantes e cabezudos, acompañados polo grupo folclórico San Pedro de Carcacía, sorprendendo a padroneses e visitantes que se atopaban na zona.

Foron moitas as persoas que sacaron os seus móbiles para gravar ou facerse fotos con outra das atraccións típicas da Pascua de Padrón, que este ano estrea o recoñecemento como Festa de Interese Turístico de Galicia. Dende Fondo da Vila xigantes, cabezudos e músicos percorreron o casco histórico de Padrón no tradicional pasarrúas

Pola tarde continuarán os obradoiros artísticos dirixidos a cativada (16.00), antes de que o concerto infantil Peter Punk e Brais das Hortas (19.00) abran o apartado musical deste domingo, que terá o seu prato forte co concerto das Tanxugueiras, a medianoite en Fondo de Vila. Antes, ás dez no Espolón, actuará a orquestra local Charleston Big Band, que repetirá pase a partir da unha e media da madrugada.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…