-
Ofrecerá información e asesoramento a todas as persoas que acudan ás festas //
-
O servizo contará con material de sensibilización e persoal para atender a quen o solicite //
O Concello de Padrón disporá nas Festas da Pascua dun Punto Lila destinado a loitar contra as agresións sexistas nos contextos de ocio nocturno. A iniciativa, que xa se puxera en marcha en celebracións anteriores á pandemia coma a propia Pascua de 2019 ou a Festa do Pemento dese mesmo ano, quere ser un referente para a sensibilización fronte á violencia machista, ofrecerá información e prestará asesoramento a todas as persoas que o soliciten e, no caso de necesitalo, daralle apoio ás posibles vítimas.
O Punto Lila colocarase no Paseo do Espolón durante as datas principais da Pascua e da Pascuilla. Estará aberto do sábado 16 ao martes 19 de abril; e do venres 22 ao domingo 24 de abril, entre as dez da noite e as tres da madrugada.
Trátase dunha furgoneta vinilada co lema "Poñamos o punto final", animando a quen o necesite a utilizar o sinal para pedir auxilio en caso de violencia de xénero que consiste en abrir a palma da man e ocultar o polgar baixo os dedos. Dúas persoas estarán dispoñibles durante os horarios de apertura para proporcionar información ás persoas que o precisen.
Ademais, o Concello repartiu nos establecementos comerciais e nos locais de restauración uns vinilos co Punto Violeta, instrumento para implicar ao conxunto da sociedade na loita contra a violencia machista.
Todo o material inclúe un código QR que dá acceso a unha web na que se pode descargar un Decálogo contra a Violencia Sexual e se listan os teléfonos de interese (016, de atención a vítimas de malos tratos por violencia de xénero; Policía Local de Padrón; Garda Civil de Padrón; teléfono da muller 24 horas; CIM Terras de Iria; Protección Civil; Centro de Saúde de Padrón e Urxencias sanitarias). Deste xeito, o consistorio quere estender de xeito masivo a información necesaria para saber como actuar ante un caso de violencia contra as mulleres.
Segundo a concelleira de Igualdade e Muller de Padrón, Lorena Couso, "con estas accións o Concello quere dotar á poboación de recursos facilmente accesibles para actuar contra a violencia machista". "As Festas da Pascua son un espazo de ocio seguro e todo o mundo ten dereito a gozalas en liberdade e sen medo", asegura Couso.