Print this page
-->

A Pascua de Padrón xa é Festa de Interese Turístico de Galicia

  • O Consello da Xunta aprobou a declaración esta mañá atendendo á súa antigüidade, ao seu arraigamento popular ou ás múltiples actividades que oferta //

  • O alcalde, Antonio Fernández, amósase convencido de que o recoñecemento potenciará o turismo e a economía do municipio //

As Festas de Pascua son xa Festa de Interese Turístico de Galicia logo de que o Consello da Xunta, reunido esta mañá, aprobase a solicitude realizada polo Concello de Padrón, apoiada tamén a mediados do pasado mes de marzo polo Consello de Turismo.

O alcalde de Padrón, Antonio Fernández, expresou a súa satisfacción ante a nova. Sinalou que a  declaración da Pascua como Festa de Interese Turístico é o froito do intenso traballo que o goberno municipal leva facendo dende hai catro anos para reivindicar o valor dunha festa con varios séculos de historia que soubo adaptarse aos tempos sen perder a súa esencia e que ofrece hoxe en día un amplo abano de actividades culturais, deportivas ou de lecer para satisfacer a todo tipo de públicos.

“Trátase dun recoñecemento ao traballo ben feito e a unha festa que merece ser distinguida tanto por tradición como por arraigamento popular”, sinalou o rexedor padronés, quen se amosou convencido de que a Pascua vivirá agora un impulso no seu papel de dinamizador turístico e motor económico do municipio.  

O informe favorable do Consello da Xunta recolle que a “Pascua de Padrón é unha celebración secular con máis de 400 anos de antigüidade documentada, que conxuga o compoñente relixioso propio da Semana Santa cun alto valor cultural, derivado das múltiples actividades que se desenvolven”. Neste sentido, salienta que as iniciativas “relixiosas, culturais, musicais, deportivas, comerciais, sociais, etc. son valores que reforzan a Pascua como unha das principais romarías tradicionais de Galicia”.

Ademais, o goberno autonómico fíxase na calidade da dotación de infraestruturas e equipamentos, na afluencia de visitantes, na coordinación de entidades públicas e privadas durante a celebración ou o axeitado coidado das contornas urbanas, monumentais e paisaxísticos onde se desenvolven as festas.

A declaración da Pascua como Festa de Interese Turístico coincide coa recuperación da celebración tras dous anos de parón obrigado pola pandemia. Actuacións musicais, entre as que destacan as das Tanxugueiras, o tributo a Queen ou o arranque da xira da orquestra Panorama; competicións deportivas; ou citas tradicionais como a Feira Cabalar marcan un programa intenso e moi diverso, que terá ao actor Luis Zahera como pregoneiro. Para mañá, sábado 9 de abril, están programados o Raid cabalar e os campionatos galegos de xadrez.

 

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…