Print this page
-->

O Concello de Padrón convoca o Premio Literario Camilo José Cela, que chega á súa 32 edición

O Concello de Padrón vén de lanzar a convocatoria para o Premio Literario Camilo José Cela, dotado con 1.500 euros para a obra gañadora. O certame é un dos máis consolidados no panorama das letras nacionais e chega neste ano 2022 á súa trixésimo segunda edición.

O premio foi creado polo Concello de Padrón en 1989 como homenaxe perpetua á figura humana e literaria do escritor, Premio Nobel de Literatura ese mesmo ano. Trátase, en palabras do alcalde padronés, Antonio Fernández Angueira, dun "acto de xustiza con Cela, unha persoa que levou o nome da vila por todo o mundo, e que o segue levando, dado que a súa figura intelectual e artística non fai máis que agrandarse co paso do tempo". Esta edición conta ademais co aliciente de se celebrar no vixésimo cabodano do pasamento do novelista, e o 80 aniversario da publicación dunha das súas creacións máis inmortais, La familia de Pascual Duarte.

As persoas que desexen participar na convocatoria deben enviar obras orixinais e inéditas dunha extensión entre os 12 e os 25 folios, escritas en galego ou en castelán. O prazo de entrega finaliza o 15 de xullo e o xurado entregará o seu fallo antes do 31 de decembro. O Premio Literario Camilo José Cela conta cunha dotación de 1.500 euros e unha estatuíña conmemorativa para o traballo vencedor.

Consulta as bases premendo neste enlace.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…