-->

Padrón conmemora o Día Internacional da Muller coa exposición de rúa #EuSonRumorosa

  • A mostra resalta a historia de vida de dez “rumorosas” nacidas ou residentes en Padrón

  • O auditorio municipal acollerá os actos institucionais do 8M coa lectura dun manifesto, a proxección do vídeo ‘Sororidade’ e unha actuación musical

  • Lorena Couso destaca o “carácter colectivo” dunha conmemoración protagonizada por numerosas veciñas

 

20220304 RUMOROSA Lifen 01Unha exposición urbana, disposta nas rúas de Padrón, prolongará os actos cos que o Concello de Padrón conmemora este ano o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. A inauguración da mostra será o primeiro evento dunha xornada na que se reivindicará a igualdade a través dun manifesto, un vídeo realizado para a ocasión e unha actuación musical no Auditorio Municipal.

Os actos do 8M en Padrón comezarán ás 19:00h do vindeiro martes coa inauguración da exposición #EuSonRumorosa, que se celebrará diante do edificio de Servizos Sociais-CIM Terras de Iria. Posteriormente realizarase un percorrido polas rúas de Padrón visitando os dez cubos distribuídos pola vila. 

A concelleira de Igualdade e Muller, Lorena Couso, destaca o feito de que “esta sexa unha conmemoración colectiva na que, tanto na exposición como no vídeo Sororidade, participan moitas das nosas veciñas”. “Con isto queremos mostrar que o traballo pola igualdade atinxe e beneficia a toda a cidadanía”, explica, ao tempo que amosa a súa gratitude a todas as mulleres participantes pola súa colaboración nestes proxectos.

#EuSonRumorosa resalta a historia de vida de dez mulleres, as rumorosas de 2022, como símbolo das arelas de igualdade da sociedade. As protagonistas dos materiais expositivos son Ana María Villar López, directora do CEIP Iria Flavia; Lifen Hu, emprendedora; Guadalupe Gómez Calvo, presidenta da SD Esclavitud; María del Carmen Piñeiro Calvo, médica especialista en atención a mulleres con VIH; Yolanda Buceta Vázquez, emprendedora de cociña creativa; María Dolores Fuente Gil, a tendeira máis veterana da praza de abastos de Padrón; Rocío Barrio Buceta, artista multidisciplinar e vocalista dun grupo de rock; Manuela Camino López, xefa dunha unidade de transplante cardíaco; Sonia García García, atleta padronesa catro veces campioa galega de campo a través e campioa de España de 3.000 metros; e Carmen Rodríguez Morono, ‘A Carola’, muller que dedicou toda a súa vida á labranza e membro da Asociación de Mulleres Rurais Carballeira.

Finalizada a visita pola exposición de rúa, o Auditorio Municipal acollerá os actos institucionais cos que o Concello de Padrón conmemora o Día Internacional da Muller. Ás 19:45 lerase un manifesto e daráselle voz ás protagonistas do día. Seguidamente presentarase o vídeo Sororidade e rematarase o acto institucional coa actuación musical de Ruth Cundíns e das profesoras da Escola Municipal de Música Natalia Outón (piano) e Elena Domínguez(violonchelo), que interpretarán a canción Lela e o Himno galego.

20220304 SORORIDADE video CIM Terras Iria ALF4414

Video ‘Sororidade’

No vídeo Sororidade, impulsado polo Centro de Información a Muller Terras de Iria, son protagonistas trinta e cinco mulleres de Padrón, Dodro e Rois. Dez pandeireteiras de agrupacións locais do Sar interpretan unha peza musical creada por Jéssica Beiroa para conmemorar o 8M, mentres que unha ducia de mulleres de Padrón, Rois e Dodro e outras tantas figurantes acompañan a música coa súa interpretación xestual.

“Anque non nos coñezamos, un lazo terma de nós”. Esta frase de Sororidade ilustra as conexións invisibles existentes entre as mulleres, aquelas que fixeron posible que persoas de ámbitos tan diferentes se involucrasen nun proxecto coma este. De empresarias e comerciantes a pementeiras ou médicas, pasando por presidentas de clubs de fútbol ou gandeiras, entre outras.

A comerciante padronesa Ramona Vázquez Iglesias, coñecida como Ramonita e propietaria de Confecciones Regateiro, pon a voz da experiencia coa frase “o que eu vivo compañeira, a ti che pode valer”. Pola súa banda, Milagros González Refojo, presidenta do Consello Regulador DOP Pemento de Herbón, canta ao unísono coas pementeiras Milagros Piñeiro Freire e Rosa Mª Diéguez Rarís. Por último, e máis aló da rivalidade no xogo, dúas presidentas de clubs de fútbol entoan a frase “de fronte teño unha amiga e unha irmá ao meu lado”. Adriana Vázquez Figueroa, presidenta do CD Sar Extramundi, e Guadalupe Gómez Calvo, presidenta da SD Esclavitud, aparecen no vídeo acompañadas por oito nenas futbolistas de base destes equipos.

Jéssica Beiroa Fernández dirixe a formación musical que encabeza ela mesma xunto con outras nove rapazas e mulleres de diferentes idades: Alba Romero PortasAlejandra González MagánAndrea Rey CasalFabiola Peraza GonzálezMariña Amo SecoMaría Bouzas DíazMaría García CarballoTeresa Fernández Quintáns e Sandra Méndez Castro, a benxamina con 11 anos, de Dodro. Neste proxecto musical colaboran a Agrupación Cultural San Pedro de Carcacía, a Agrupación Folclórica Cultural O Pedrón, a Escola Municipal de Música de Padrón, o Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima, e as pandeireteiras das  Asociacións de amas de casa de Rois e das mulleres rurais de Ermedelo e Urdilde. Producido pola empresa compostelá Alicentis, o videoclip Sororidade gravouse no Convento do Carme de Padrón e na Fundación Casa Rosalía de Castro, entre outras localizacións.

20220304 EuSonRumorosa cartel

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…