-
Os actos do Día de Rosalía remataron cun concerto do músico e bailarín Xisco Feijóo //
As celebracións do Día de Rosalía por primeira vez o 23 de febreiro remataron en Padrón coa presentación no auditorio de O sal dos días, libro co que Rafa Vilar gañou o VII Certame poético Rosalía de Castro grazas “á súa estrutura, a súa coherencia temática ou a súa coidada lingüística”, tal e como subliñou no seu día o xurado e lembrou o alcalde no acto.
Antonio Fernández incidiu no espíritu literario da vila padronesa e o esforzo do seu goberno por seguir impulsando a produción literaria con certames dos distintos xéneros. “Hai xa máis de tres décadas que convocamos o premio de narrativa Camilo José Cela e a el engadíuselle máis tarde o certame Poético Rosalía de Castro, que vai pola súa oitava edición. Cremos que era de recibo, dende logo, que a escritora galega máis universal contara cun certame de seu na que foi a súa casa”, recordou.
A xornada continuou co concerto do músico e bailarín Xisco Feijóo. O cantante presentou parte so seu último disco, ‘Peixe’, e ofreceulle ao público asistente algunha sorpresa vencellada á celebración do Día de Rosalía.
Todas as persoas asistentes puideron levar, ademais, para a casa un exemplar do poemario O sal dos días.