-->

‘Rosalía nos camiños’, unha senda amiga que recorre lugares do Sar mencionados pola poeta

  • Os concellos de Dodro, Padrón e Rois e a Fundación Rosalía de Castro presentaron hoxe este roteiro que se inaugurará oficialmente en maio cunha camiñada //

  • Pasa por lugares aos que fai mención a escritora na obra ‘En las orillas del Sar’ //

  • Unha ofrenda floral diante da estatua, a música dos Carapaus e poemas lidos por alumnado dos IES Camilo José Cela e Macías o Namorado completaron os actos oficiais celebrados esta mañá en Padrón //

Rosalía nos camiños é o nome dunha senda amiga de 15 quilómetros, con saída e chegada no paseo do Espolón de Padrón e que percorre os tres municipios da comarca do Sar pasando por algunhas das paraxes mencionadas no poemario ‘En las orillas del Sar’. O roteiro, deseñado polos concellos de Dodro, Padrón e Rois, foi presentado hoxe, durante a celebración do 185 aniversario do nacemento da poeta, diante da estatua de Rosalía de Castro en Padrón nun acto que contou coa presenza dos tres alcaldes e do presidente da Fundación Rosalía de Castro. A senda inaugurarase oficialmente o vindeiro 21 de maio, cunha camiñada coincidindo coa celebración das Letras Galegas.

O acto desta mañá comezou coa tradicional ofrenda floral na estatua de Rosalía de Castro no Espolón. Fixérona de forma conxunta os rexedores de Padrón, Antonio Fernández; Dodro, Xavier Castro; Rois, Ramón Tojo, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira. A ofrenda da coroa de loureiro estivo acompañada pola actuación do grupo de gaitas Os Carapaus, que tamén se encargou de pechar o acto. Completou a conmemoración un recital de poesía por parte do alumnado dos institutos Camilo José Cela e Macías O Namorado.

20220223 ofrenda padron web 1

“Rosalía está viva nos nosos corazóns e estamos moi orgullosos de levala sempre co nós”, sinalou o alcalde de Padrón, Antonio  Fernández, que abriu a quenda de intervencións agradecendo a presenza dos asistentes  nunha ofrenda que se celebra por primeira vez o 23 de febreiro, despois de que a investigadora Sagrario Abelleira descubrirá que foi este día (e non o 24) cando naceu Rosalía de Castro en 1837.

Ramón Tojo, pola súa parte, actuou como voceiro dos rexedores da comarca para presentar a ruta Rosalía nos camiños, unha iniciativa coa “os concellos de Rois, Padrón e Dodro, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, quixemos achegar o noso grao de area para poñer en valor algunhas das paraxes que aparecen mencionadas na obra da poeta galega máis universal”. En concreto, a senda pasa por algúns dos lugares máis emblemáticos dos tres municipios que aparecen reflexados na obra En las orillas del Sar.

Os tres concellos levan traballando no deseño desta ruta dende hai máis dun ano, despois de que o presidente da Fundación, Anxo Angueira, sinalara que na obra ‘En las orillas del Sar’  se facía mención ao lugar de Fondóns, en Rois, un dos puntos polos que pasa este roteiro. O ano pasado colocouse precisamente nos Fondóns unha placa conmemorativa.

En Padrón, tanto despois da saída como antes de rematar esta senda na estatua de Rosalía, o trazado pasa polo Santiaguiño do Monte, a igrexa de Iria Flavia, a Casa Museo e por diante da casa na que a escritora pasou parte da súa infancia, na praza Ramón Tojo.

Rosalía nos camiños permite coñecer tamén en Dodro o palacio de Lestrobe, a praza do Mercado, as torres de Hermida ou a fonte de Santa María.

“Trátase dunha ruta de sendeirismo que se pode facer só, coa parella, cos amigos ou coa familia, e que nos axudará a entender un pouco máis como era Rosalía e porque na súa obra sempre falaba do que tiña máis preto”, engadiu Tojo na presentación.

O roteiro, que se sinalizará con fitos de pedra realizados polo canteiro José Conde e que levarán esculpida unha figueira deseñada polo escultor Camilo Seira, será inaugurada de forma oficial o sábado 21 de maio. Os alcaldes animaron a toda a veciñanza a asistir á camiñada e participar deste xeito nun dos actos cos que se celebrará o Día das Letras Galegas.

 20220223 ofrenda padron3

Numerosos actos todo o día en Padrón

A ofrenda floral e a presentación da ruta foi o primeiro acto oficial en Padrón para conmemorar hoxe o 185 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, nunha xornada chea de celebracións de todo tipo. Tamén durante a mañá, alumnados do CEIP Flavia, CEIP Rosalía de Castro, IES Camilo José Cela e do IES Macías O Namorado plantaron fillas da figueira da Casa da Matanza nos seus respectivos centros educativos.

Xa pola tarde, a partir das catro e media, a concelleira de Cultura, Lorena Couso, presentará no Xardín Botánico as Tertulias clandestinas con Rosalía, nas que a guía de turismo María Chamadoira (que representará a Rosalía de Castro) manterá unha conversa co locutor radiofónico José Manuel García. Veciños e veciñas de Padrón lerán poemas de Rosalía e o acto pecharase con música, a cargo de Fátima Pego e Josep Ruiz.

A xornada conmemorativa rematará a partir das sete da tarde no auditorio de Padrón con máis literatura e música. Rafa Vilar presentará o seu libro O sal dos días, premiado no sexto Certame poético Rosalía de Castro, e entregará un exemplar a cada asistente a este acto, que continuará co concerto do músico e bailarín Xisco Feijóo. O cantante, que presentará parte do seu último disco, ‘Peixe’, anuncia algunha sorpresa durante o concerto.

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…