-
O orzamento para gastos sociais ascende a algo máis de 61.000 euros //
-
Os investimentos financeiramente sostibles do Plan complementario superan os 300.000 euros //
-
As maiores partidas dedícanse ao acondicionamento de camiños e pistas nas parroquias //
O Pleno da Corporación de Padrón aprobou na sesión do xoves a relación de obras e gastos a incluír no Plan de Obras e Servizos da Deputación (POS+) por un montante total de 251.044,75 euros, aos que hai que engadir preto de 61.000 euros para gasto social extraordinario do POS+ Adicional e outros 307.000€ do POS complementario.
Dos 251.000 euros dedicados a investimentos do POS+, preto de 75.000 destinaranse ao acondicionamento dos dous treitos dun camiño en Pazos e do que vai de Pedreda a Iria Flavia. Tamén se actuará con case 67.000 euros nos viais da Ponte e nos camiños do lugar de Rego da Manga, en Herbón. Ademais, destínanse 60.000 euros á creación dun parque infantil na rúa Vila de Rianxo e outros 48.000 euros á instalación na área recreativa da desembocadura do Sar dun circuíto de pump track para bicicletas, patinetes e monopatíns.
Polo que respecta ao POS+ Adicional para gastos sociais extraordinarios deste ano, orzaméntanse algo máis de 61.000 euros para destinalos a catro partidas. 40.800 euros destinaranse a actuacións de emerxencia social, 8.851 euros a atender persoas vulnerables, 8.000 euros a programas de servizos sociais e 4.000 euros á atención de persoas sen fogar.
No plan complementario inclúense investimentos financeiramente sostibles por un montante global de 307.706,91 euros. Na relación de obras deste plan a maior partida, de 141.900 euros, está dedicada á rehabilitación do firme das vías que unen Pousada e Rumille, en Carcacía. Mellorarase tamén a capa de rodaxe dun vial dividido en dous treitos do lugar da Pedreda (68.699 euros) e o asfaltado da pista que vai dende a Igrexa de Carcacía a Rial (63.022 euros). A pavimentación dende a rúa Enlace ao botánico por Xardín cun custo de 34.106 euros completa a relación de obras incluídas.
O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, destacou que este plan de obras e investimento quere satisfacer as necesidades de toda a veciñanza. “No equipo de goberno parécenos moi importante chegar a todas as franxas de idade e, por iso, ademais das necesarias obras nos vías municipais, aumentamos as infraestruturas destinadas á infancia e imos acometer tamén unha obra moi solicitada pola mocidade como é a do circuíto de pump track, que reforzará a oferta deportiva de lecer no municipio”. Incidiu así mesmo o rexedor en que este tipo de actuacións terán continuidade noutros lugares do municipio.