-->

O creador de Pistacatro Pablo Reboleiro gaña a vixésimo primeira edición do Premio Maruxa Villanueva

  • O xurado recoñece a súa traxectoria como impulsor do novo circo galego e destaca a súa actuación multidisciplinar no espectáculo ‘Drop’//

O creador e director artístico da compañía Pistacatro, Pablo Reboleiro Rama, converteuse hoxe no gañador da vixésimo primeira edición do Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva. O xurado valorou a traxectoria de Pablo Reboleiro como un dos grandes impulsores da renovación do circo en Galicia e, en especial, o seu papel no espectáculo Drop, “onde exhibe a capacidade de hibridación do circo contemporáneo, botando man da tradición dos malabares á par doutras disciplinas artísticas”.

O xurado salienta ademais que en ‘Drop’, Pablo Reboleiro achega ao público unha reflexión sobre conceptos da vida contemporánea “como reivindicación do erro e a divulgación das matemáticas”.

Acróbata, malabarista, paiaso, músico, bailarín, actor... Son moitas as definicións que poden aplicárselle na súa faceta artística a Pablo Reboleiro, que se suma na nómina de premiados do Maruxa Villanueva a nomes como os de Roberto Vidal Bolaño, Rosalía Dans, Xosé M. Olveira ‘Pico’, Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira ou Rocío González, premiada o pasado ano.

Lorena Couso, concelleira de Cultura e presidenta do xurado, destacou a implicación de todos os sus membros para respectar ano tras ano o espíritu dos galardóns, que buscan dar a coñecer unha sobresaínte traxectoria dramática e unha actriz ou actor que destacase polo seu bo facer nunha interpretación recente. Incidiu en que a decisión de outorgarlle o galardón a Pablo Reboleiro tomouse por unanimidade e amosou a súa satisfacción porque recaese nun artista de circo, “unha modalidade que aínda non fora recoñecida”. 

Reboleiro recibirá como premio 1.200 euros, un diploma acreditativo e unha figura do busto da actriz Maruxa Villanueva nun acto que terá lugar nos vindeiros meses en Padrón.

O xurado, reunido hoxe pola mañá no centro social do Concello de Padrón, estivo formado ademais de por Lorena Couso polos profesores da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia Inma López Silva, Afonso  Becerra e Roberto Pascual; o actor e profesor da Universidade da Coruña Carlos Caetano Biscainho Fernández; e a animadora social de Padrón, María Cruz Taboada.

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…