Print this page
-->

O Concello esixirá un certificado sanitario para acceder ás instalacións municipais para a práctica deportiva non federada a partir do luns 20/12

O Concello de Padrón esixirá un certificado sanitario para a práctica de actividade física ou deportiva non federada nas súas instalacións deportivas municipais cubertas. A medida afectará tanto ás persoas usuarias da piscina e do ximnasio municipais como ás actividades deportivas que realizan, por exemplo, os nosos maiores.

Así, a partir do vindeiro luns 20 de decembro, as persoas maiores de 12 anos que desexen acceder a estas instalacións deportivas deberán dispoñer dun certificado que acredite que recibiron a pauta completa dunha vacina contra a Covid-19, que contan cunha proba diagnóstica negativa realizada nas últimas 72 horas (PCR) ou 48 horas (test de antíxenos) ou que se recuperaron dunha infección pola Covid-19 nos últimos 6 meses.

En todos os casos, os certificados deberán ser emitidos polo Servizo Público de Saúde ou por un laboratorio oficial autorizado. No caso concreto dos test rápidos de antíxenos, estes deberán estar enumerados na lista común e actualizada de test rápidos de antíxenos da Covid-19 establecida sobre as recomendacións realizadas polo Consello de Europa.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…