O Concello de Padrón esixirá un certificado sanitario para a práctica de actividade física ou deportiva non federada nas súas instalacións deportivas municipais cubertas. A medida afectará tanto ás persoas usuarias da piscina e do ximnasio municipais como ás actividades deportivas que realizan, por exemplo, os nosos maiores.
Así, a partir do vindeiro luns 20 de decembro, as persoas maiores de 12 anos que desexen acceder a estas instalacións deportivas deberán dispoñer dun certificado que acredite que recibiron a pauta completa dunha vacina contra a Covid-19, que contan cunha proba diagnóstica negativa realizada nas últimas 72 horas (PCR) ou 48 horas (test de antíxenos) ou que se recuperaron dunha infección pola Covid-19 nos últimos 6 meses.
En todos os casos, os certificados deberán ser emitidos polo Servizo Público de Saúde ou por un laboratorio oficial autorizado. No caso concreto dos test rápidos de antíxenos, estes deberán estar enumerados na lista común e actualizada de test rápidos de antíxenos da Covid-19 establecida sobre as recomendacións realizadas polo Consello de Europa.