Print this page
-->

Dúas escape room polo casco vello de Padrón abrirán o programa especial do CIM Terras de Iria para conmemorar o 25 de novembro

Dúas escape room chamadas “Rexeita o maltrato” polo casco vello de Padrón abrirán a programación especial do CIM Terras de Iria para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A primeira sesión terá lugar mañá martes 22 de novembro, de 10:30 horas a 12:30 horas, e estará protagonizado polo alumnado de 1º e 2º da ESO do IES Macías o Namorado.

“Durante os primeiros 20 minutos da actividade, os equipos formados polo alumnado percorrerán as rúas de Padrón na procura de pistas para despois volver á praza de Macías, que é onde se desenvolverá a maior parte da escape room. E o mércores 23 farán o propio os alumnos e alumnas de 1º e 2º da ESO do IES Camilo José Cela, de 12:30 a 14:30 horas”, explica a concelleira de Igualdade, Lorena Couso.

Actividades abertas ao público xeral

Así mesmo, o Concello de Padrón puxo hoxe a disposición da veciñanza as entradas para os tres espectáculos abertos ao público en xeral incluídos na programación do 25N: o espectáculo de narración oral “Travesías” e as obras de teatro “Bernarda” e “Feminíssimas”. Para acceder a calquera destes tres espectáculos de forma totalmente gratuíta só é preciso recoller a entrada no Centro Social, de 9:00 a 14:00 horas.

Así, o mércores 24 de novembro, ás 18:00 horas, Raquel Queizás porá en escena “Travesías”, un espectáculo de narración oral con monicreques dirixido a un público familiar. O venres 26 de novembro, ás 19:00 horas, Malasombra Teatro porá en escena a obra “Bernarda”, candidata ao mellor espectáculo dos Premios Max 2021. Ao rematar a actuación, ás 20:30 horas, terá lugar o acto institucional do Concello de Padrón con motivo do 25 de novembro, que incluirá a entrega de premios ao alumnado gañador do primeiro certame de debuxos con motivo do día internacional para a eliminación da violencia contra a muller.

A programación especial do CIM Terras de Iria rematará o sábado 27 de novembro, ás 19:00 horas, coa posta en escena de “Feminíssimas”, da compañía Ste Xeito Producións. Unha programación que conta coa colaboración do Concello de Padrón, da Secretaría Xeral de Igualdade, do Ministerio da Igualdade e da Unión Europea.

Consulta a programación completa aquí.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…