-->

A entrega do XX Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva a Rocío González abre este sábado o Outono Cultural 2021

A posta en escena de “Liberto”, pola compañía Rebordelos, e a entrega do galardón do XX Premio de Interpretación teatral Maruxa Villanueva á actriz Rocío González abrirán este sábado 6 de novembro o Outono Cultural 2021 de Padrón. Un programa que inclúe un total de 16 espectáculos gratuítos, que terán lugar no auditorio municipal de Padrón durante os dous próximos meses. Todas as actuacións serán de acceso gratuíto, sendo preciso a recollida de entradas a partir do luns anterior ao día do espectáculo no centro social de Padrón, en horario de 9:00 a 14:00 horas.

A concelleira de Cultura, Lorena Couso, amósase satisfeita por ter pechado “un programa cultural moi completo, no que se inclúen actuacións teatrais e musicais tanto para un público adulto como infantil. Unha aposta do Concello de Padrón pola promoción da nosa cultura e á que convidamos a participar a todos os veciños e veciñas do municipio”.

A programación do “Outono Cultural 2021” arrinca este sábado 6 de novembro, ás 19:00 horas, coa posta en escena de “Liberto”, da compañía Rebordelos. Unha obra pola que se lle outorgou a Rocío González o XX Premio de Interpretación teatral Maruxa Villanueva, segundo se recolle na acta do xurado. Un galardón consistente nunha estatuiña e 1.200 euros que lle serán entregados tras a actuación polo alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira.

Actuacións venres e sábados

Tras a entrega do premio, o “Outono Cultural” encherá de actividades o auditorio municipal de Padrón todos os venres e sábados, sempre ás 19:00 horas. Así, a próxima semana actuarán Talía Teatro con “A parábola do angazo” (venres 12) e Teatro Malasombra con “SOS” (sábado 13). A música protagonizará a seguinte semana co baile e música tradicional galega de Cantigas e Agarimos (venres 19) e o concerto de Nananá Quartet (sábado 20).

Malasombra Teatro e Deste Xeito Produccións porán en escena as obras “Bernarda” (venres 26) e “Feminísimas” (sábado 27). A maiores, e como celebración do día de Santa Icía, patroa dos músicos, o domingo 28 de novembro a Asociación Cultural O Pedrón ofrecerá un concerto de música e baile na Praza de Macías (se chove, trasladaríase ao auditorio).

Decembro abrirase con dúas novas actuacións teatrais: Ibuprofeno Teatro con “O mel non caduca” (venres 3) e Teatro Airiños con “Cataturxia” (sábado 4). O venres 10 de decembro será a quenda de Redrum Teatro con “#2Pilgrims” mentres que o sábado 11 Teatro Badius porá en escena “A peregrinaxe”.

A derradeira semana do “Outono Cultural” deixará tres actividades: “Mocos”, un divertido monólogo de Cándido Pazó (venres 17) e dous concertos de Nadal. A Coral Polifónica Padronesa ofrecerá o seu concerto de Nadal o sábado 18, mentres que a Banda Municipal de Padrón fará o propio o domingo 19 de decembro.

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…