Print this page
-->

A Xunta licita 4 actuacións para reducir o risco potencial de inundación no concello de Padrón

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, licitou hoxe por máis de 305.000 euros a redacción dos proxectos construtivos para impulsar cinco novas actuacións para reducir o risco de asolagamento na área fluvial dos ríos Ulla e Sar, ao seu paso polos concellos de Padrón e de Valga. Todas son intervencións deseñadas desde Augas de Galicia e enmarcadas no Plan de xestión específico para esta área fluvial, declarada de risco potencial significativo de inundación.

Dos cinco lotes licitados hoxe, catro contratos correspóndense con actuacións a desenvolver en Padrón, que se veñen sumar ao contrato xa adxudicado recentemente por Augas de Galicia nesta área fluvial, para a redacción do proxecto construtivo de protección da marxe dereita do río Ulla de cara a minimizar o risco de asolagamento ao seu paso polo concello.

Os contratos obxecto desta nova licitación no municipio coruñés de Padrón centraranse na redacción dos proxectos construtivos para dotar de canal de protección contra inundacións ao rego Avelenda ao seu paso por Iria Flavia; na mellora do espazo fluvial e de drenaxe do rego deste rego; na mellora do espazo fluvial e de drenaxe do río Sar no cruce coa estrada AC-301; e na mellora do espazo fluvial e de drenaxe do rego Tarrío no cruce co ferrocarril. As empresas interesadas teñen de prazo ata o día 24 de agosto para presentar as súas ofertas.

Plan de xestión específico da área de risco potencial significativo de inundación

Augas de Galicia redacta e revisa cada seis anos a avaliación preliminar do risco de inundacións da demarcación hidrográfica Galicia-Costa. Desde o 1 de maio e ata o vindeiro 30 de xullo está aberto á participación pública o novo Plan de xestión de risco de inundacións 2021-2027, que se agarda aprobar a finais de ano. En paralelo, Augas de Galicia está a desenvolver os plans específicos de xestión en 9 zonas fluviais con maior risco de inundacións. Trátase das contornas do río Umia, en Caldas de Reis e Portas; Anllóns, en Carballo; Campeda, en Vimianzo; Bahíña e o Groba, en Baiona; Lagares, en Vigo; Fontecova e Trasposta, en Viveiro; e o río Ulla-Sar en Valga e Padrón, así como en Dodro, Rianxo, Rois, Catoira e Pontecesures.

Estes plans recollen medidas e actuacións paliativas e preventivas de aplicación polas distintas administracións, Xunta e Concellos, para minimizar o risco de enchentes. O departamento que preside Ethel Vázquez segue impulsando a colaboración entre as administracións e axentes implicados para estar máis preparados fronte ao risco de inundacións e acadar unha máis rápida e mellor recuperación fronte ás súas posibles consecuencias.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…