Print this page
-->

A concellaría de Turismo estrea unha nova exposición sobre a tradición Xacobea en Padrón

A Concellaría de Turismo do Concello de Padrón pon en marcha unha nova exposición na rúa. Baixo o título ‘A pegada Xacobea en Padrón’ a mostra afonda na tradición Xacobea e a súa vinculación coa capital da comarca do Sar a través de imaxes de gran formato. As fotografías expoñeranse durante os meses de verán a través dun total de 9 cubos, que se poden atopar en distintos espazos da vila padronesa. A maiores hai un décimo cubo con toda a información detallada das visitas teatralizadas que terán lugar este verán tamén en relación co Xacobeo.

Os cubos están localizados no paseo do Espolón –un xunto ao monumento de Rosalía de Castro e outro no monumento a Camilo José Cela-, no Xardín Botánico, xunto ao Cruceiro do Fondo de Vila, na Praza de Ramón Toxo, na Praza de Rodríguez Cobián, na Praza de Baltar e na Praza das Galiñas.

“A exposición é froito da nosa vocación de poñer en valor a tradición Xacobea de Padrón. A mostra exponse na rúa porque a nosa intención é achegar á toda a cidadanía a cultura e o arte”, sinalou Lorena Couso, concelleira de Turismo.

As fotografías son do arquivo do Concello de Padrón, da Igrexa Parroquial de Santiago de Padrón, dos fotógrafos Vicente Domínguez e Merce Ares e do técnico de turismo do Concello de Padrón, Alberto Rey.

Visitas Teatralizadas

As visitas teatralizadas comezaran de novo no mes de xullo e prolongáranse ata o mes de outubro. No mes de xullo todos os sábados ás 12:00 horas haberá unha saída dende Iria Flavia que rematará no casco histórico de Padrón baixo o título ‘Chronicón Iriense’. Neste caso, o actor Suso Martínez encarnará á personaxe do bispo Sisnando Menendiz para percorrer os principais recursos patrimoniais e naturais relacionados coa tradición do ‘Padrón Xacobeo’, con especial foco no territorio de Iria Flavia. O actor e guía ten unha ampla experiencia realizando este tipo de visitas teatralizadas, polo que garante unha ruta completa e con grandes doses de teatralidade.

Ao longo do mes de agosto, todos os mércores e venres ás 12:00 horas saíran do Fondo de Vila as persoas participantes acompañadas do recoñecido grupo teatral galego ‘Os Quinquilláns’, que representarán a Rosalía de Castro e ao seu amigo e pintor Brocos nun paseo polo casco histórico da vila. A ruta denominase ‘Camiño branco de Rosalía’.

Finalmente, nos meses de setembro e outubro, Suso Martínez encarnará a Atanasio, discípulo do Apóstolo, nunha visita na que se percorrerá o ‘Padrón Xacobeo’ ata rematar en Santiaguiño do Monte. Estas visitas serán os venres ás 20:00 horas en setembro e ás 19:00 horas no mes de outubro. 

Todas as visitas serán gratuítas, pero é preciso inscribirse previamente a través do departamento de Turismo do Concello de Padrón. Así, as persoas interesadas en participar nesta actividade poden enviar un correo electrónico a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou chamar ao teléfono 646 593 319.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…