Print this page
-->

O Executivo de Padrón segue apostando polo medio ambiente e entrega 30 compostadores á cidadanía

A concellaría responsable do Tratamento dos Residuos Sólidos Urbanos do Concello de Padrón continúa afanándose por converter o municipio nun referente de reciclaxe. O vindeiro xoves 18 de marzo ás 18:00 horas no Auditorio Municipal realizarase a entrega dos 30 compostadores –e os correspondentes manuais didácticos- aos cidadáns que o solicitaron estas unidades para realizar autocompostaxe. Neste acto de entrega tamén estarán presentes os técnicos de Sogama que impartirán unha sesión de formación para que todas as persoas que vaian ter un compostador teñan coñecemento de como utilizalo e facer o mellor uso posible.

Ante a elevada demanda de compostadores por parte da cidadanía, o Executivo intercedeu para conseguir 30 compostadores máis, polo que en total vanse recibir un total de 60. Estas novas unidades serán entregadas noutro acto nunha data aínda por determinar, posto que dada a situación sanitaria non se pode realizar un acto conxunto para todos os usuarios e usuarias. 

Asemade, o Concello de Padrón vén de recibir un total de 27 colectores amarelos novos –nos que se depositan botellas e envases de plástico, envases metálicos e bricks- e 9 colectores para cartón e papel. Con estes novos recursos o Executivo agarda continuar sendo un dos municipios galegos que máis recicla, incluso por riba da media. “Os datos da reciclaxe nos últimos anos son moi positivos, polo que as cifras confirman que se está a facer un bo traballo neste eido e que temos un municipio cada día máis sostible”, sinalou o rexedor de Padrón, Antonio Fernández Angueira.

Os compostadores, dos que se fará entrega a vindeira semana, teñen 390 litros de capacidade, están fabricados con materiais reciclados e reciclables, e serán distribuídos entre a poboación das vivendas unifamiliares que dispoñan de xardín, horta ou terras de cultivo. A recepción destes compostadores ven determinada pola adhesión do Executivo ao programa de compostaxe doméstico de Sogama, que ten como obxectivo que os fogares participantes no mesmo poidan poñer en valor a materia orgánica mediante a súa conversión en compost, un abono natural con excelentes propiedades fertilizantes para o chan, protexéndoo de pragas e enfermidades.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…