Print this page
-->

O Concello de Padrón promove a autocompostaxe como medida de aforro ambiental

O Concello de Padrón recibirá 30 compostadores de 390 litros de capacidade, fabricados con materiais reciclados e reciclables, para distribuír entre a poboación das vivendas unifamiliares que dispoñan de xardín, horta ou terras de cultivo. O Executivo local vén de adscribirse ao programa de compostaxe doméstico de Sogama co obxectivo de que os fogares participantes no mesmo poidan poñer en valor a materia orgánica mediante a súa conversión en compost, un abono natural con excelentes propiedades fertilizantes para o chan, protexéndoo de pragas e enfermidades. Sogama tamén proporcionará aos usuarios que participen manuais didácticos de apoio, nos que se explica de forma detallada a operativa a seguir.

O alcalde de Padrón sinalou que “a autocompostaxe comeza a ser unha realidade e dende o noso Concello queremos apostar por fomentar prácticas que teñan un impacto positivo no medio ambiente. Con este novo acordo acadado con Sogama fomentaremos o aforro ambiental no noso municipio”.

Segundo explican dende Sogama, a fracción orgánica representa aproximadamente o 42% da composición media dunha bolsa de lixo doméstica. Cando se recicla en orixe, evitase o seu depósito no colector verde convencional, o que conleva un importante aforro ambiental e económico para o municipio.

A iniciativa pretende recuperar unha práctica tradicional no rural galego, como é a segregación da materia orgánica para alimento de gando e para a elaboración do compost, dun xeito máis hixiénico e cómodo.

As persoas que teñan interese por ter un composteiro doméstico poden solicitalo presentando unha solicitude xeral na Casa do Concello. O reparto realizarase por orde de entrada das peticións e a entrega terá lugar na sesión formativa que Sogama impartirá no municipio, nunha data aínda por determinar, para explicar o sistema de funcionamento deste proceso.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…