Print this page
-->

Padrón desfrutará esta fin de semana dunha pasarela que pon en valor o traxe tradicional galego en relación co Camiño de Santiago

O sábado ás 18:00 horas os padroneses e padronesas teñen unha cita co arte na Casa de Rosalía en Padrón. A Asociación Etnográfica Sete Espadelas presenta a pasarela “Cando todos os camiños ían a Compostela. Os traxes do camiño”, un proxecto subvencionado pola Xunta de Galicia no marco do programa Xacobeo 2021. Trátase dunha mostra itinerante organizada en diferentes concellos polos que transcorre o Camiño Portugués: Mos, Barro, Portas, Padrón e Santiago. A concelleira de Cultura, Lorena Couso, agradece a esta Asociación e a Casa Rosalía a iniciativa, que pon en valor o Camiño de Santiago e a Pedronía, así como a tradición galega. “É un orgullo para Padrón poder desfrutar desta mostra que afonda na cultura galega”, apuntou Lorena Couso.

 A entrada para asistir a esta mostra é gratuíta, se ben o aforo é limitado polo que é preciso reservar previamente a invitación a través do email Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. no que as persoas interesadas deben especificar o nome e apelidos, o número do DNI e tamén un teléfono de contacto.

O traxe tradicional galego é o gran protagonista desta pasarela a través de 30 versións que proceden de Melide, Abadín, Betanzos, Muros ou Pontevedra, entre outras localidades. O traxe tradicional galego tivo o seu momento de esplendor no século XVIII e primeira metade do XIX, posteriormente no século XX adoptaría cambios propios de modas estranxeiras.  Como explican dende a Asociación Sete Espadelas, os diferentes Camiños de Santiago foron unha das grandes fontes de influencia para esta indumentaria, de feito a través deles chegaron a Galicia tecidos e prendas de lugares foráneos que foron asimilados pola sociedade.  Por mar e terra chegaron á comunidade panos de Béjar, mantóns de Manila, veludo francés, cristal checo e panos de Paisley escoceses.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…