Print this page
-->

O autocine chega a Padrón da man do Concello coa estrea de dous filmes

A pandemia do coronavirus obrigou a cambiar a forma de desfrutar da cultura e do ocio, e neste contexto é necesario buscar novas fórmulas, como por exemplo o autocine para desfrutar das últimas estreas cinematográficas. A concellería de Turismo e Cultura de Padrón, moi implicada coa busca de solucións para todos os retos plantexados pola pandemia, acaba de poñer en marcha un autocine na vila. Lorena Couso sinalou que “esta é unha das iniciativas nas que traballamos para animar a vida social e cultural da nosa vila nestes tempos tan complicados, para nós é moi importante seguir dinamizando Padrón e presentar propostas que melloren a vida da nosa veciñanza”. Esta é unha iniciativa conxunta coa empresa UFATEC e posta en marcha coa colaboración da Asociación Radioaficcionados (Asorapa). UFATEC é unha empresa con máis de 15 anos de experiencia no sector tecnolóxico e ubicada en Padrón, que ofrece solucións eficientes e áxiles a todas as demandas relacionadas coa tecnoloxía. 

A primeira sesión do autocine terá lugar o venres 12 de xuño coa estrea de ‘Toy Story 4’. A idea é que os venres se proxecten filmes para o público infantil, e os sábados para público adulto. Por tanto, o sábado 13 de xuño a película da que se poderá desfrutar neste novo espazo é ‘O que arde’. As seguintes sesións de autocine terán lugar o venres 19 e o sábado 20 de xuño. 

 O autocine de Padrón ubicarase no Campo do Souto, será gratuito e terá capacidade para acoller a un total de 60 vehículos. As entradas estarán dispoñibles a partir do luns 8 de xuño, e poderán recollerse no Centro Social. 

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…