Print this page
-->

O Concello de Padrón rexistrou un total de 32 casos de contaxio por coronavirus

Ao longo destes meses o Concello de Padrón contabilizou un total de 32 casos de persoas contaxiadas, segundo as cifras facilitadas polo equipo médico responsable dende o Centro Médico municipal. Actualmente hai 12 casos activos, 18 persoas que estiveron contaxiadas por coronavirus xa foron dadas de alta e dúas faleceron. 

Dende o inicio do estado de alarma, os distintos departamentos do Concello de Padrón despregaron todos os seus recursos para a xestión desta crise sanitaria. Na xornada de hoxe, por exemplo, comezou o reparto de máscaras cirúrxicas entre toda a poboación da vila. Nos primeiros días, o equipo de goberno creou unha Comisión na que se estableceron protocolos de actuación e se coordinou o traballo dos distintos axentes e efectivos municipais. “A nosa principal preocupación é o benestar da nosa veciñanza, por iso traballamos para garantir a súa seguridade sanitaria e a cobertura dos servizos básicos”, explica Antonio Fernández Angueira. Deste xeito, marcáronse pautas para proceder a desinfección de todos aqueles espazos comúns públicos -e tamén aqueles privados nos que teñan transitado as persoas que se contaxiaron por coronavirus-. Actualmente, e de xeito periódico, distintos equipos están desinfectando todas as rúas do concello, os espazos públicos e municipais, así como os contedores de lixo. E unha empresa especializada en desinfección procedeu a limpeza do Centro Médico e dos distintos edificios municipais.

Na Comisión tamén se estableceron os protocolos de actuación que garanten a cobertura das necesidades básicas de todas aquelas persoas infectadas polo virus.  Asimesmo, este departamento está axudando á poboación máis vulnerable en distintos eidos da vida cotiá como, por exemplo, coa obtención de alimentos. Tamén se está colaborando coas familias con menos recursos na educación dos seus fillos -poñendo a súa disposición todos os recursos necesarios-, e incluso se está axudando na xestión e no asesoramento en procesos administrativos. 

O Concello de Padrón ademais ten unha listaxe de persoas que viven soas, e o propio rexedor de Padrón mantivo conversacións por teléfono con case todas estas persoas. Unha por unha, chamou a todas as casas para coñecer de primera man as súas necesidades, malia que non todos responderon a chamada. A diario os equipos de voluntarios, coordinados cos Servizos Sociais e ca Policía, están pendentes das necesidades dos cidadáns maiores ou dos máis vulnerables. De feito, durante o estado de alarma e a situación de emerxencia sanitaria, o departamento municipal de Servicios Sociais e Protección Civil están levando medicamentos, alimentos e bens de primeira necesidade a todas aquelas persoas que non poden sair da casa.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…