Print this page
-->

O alcalde de Padrón reivindica o potencial da Pedronía no conxunto do Camiño de Santiago

O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, a concelleira de Cultura e Turismo,  Lorena Couso, a directora xeral de Turismo de Galicia, Nava Castro, e Isaías Calvo, Director de Relacións coas Asociacións do Camiño, inauguraron este sábado a mostra `Kumano Kodo. Camiño de peregrinación’. A exposición fotográfica componse de 37 fotografías en color e branco e negro dos fotógrafos Luis Gago e Aoife Ni Dhubhda. As imaxes foron tomadas en Wakayama en Xapón no outono de 2017 e na primaveira de 2018 cando percorreron a rede de camiños coñecida como Kumano Kodo. A mostra, por tanto, busca achegar a beleza das terras e xentes do Kumano Kodo á cidadanía galega. Galicia e Wakayama están unidas por un acordo de 1998, e en ambas rexións atopanse as rutas de peregrinación máis antigas do mundo declaradas Patrimonio Mundial pola UNESCO. A mostra poderase visitar na sede da Fundación Camilo José Cela en Padrón ata o mes de abril. 

Neste contexto, Antonio Fernández Angueira destacou o potencial da Pedronía como reclamo turístico complementario ao Camiño de Santiago, “a Pedronía ten cada vez máis éxito, e son máis as persoas que deciden percorrer as terras de Iría Flavia para completar a súa experiencia en Galicia. Os 18 km hasta Padrón dende Santiago ou algunha das localidades da Ría de Arousa amosan aos visitantes a grandeza do noso patrimonio. En definitiva, non podemos estar máis orgullosos de formar parte deste proxecto universal”, asegurou o alcalde. 

Pola súa parte, Nava Castro, explicou que a intención do goberno galego é seguir reforzando os vínculos con Xapón para seguir promovendo o destino galego e a cultura xacobea nun dos países que máis está crecendo en número de peregrinos nos últimos exercicios, cun aumento do 82% dende o último Ano Santo.

Premio de Narrativa Camilo José Cela
Na mesma xornada entregouse o premio de Narrativa Camilo José Cela á obra ‘Las damas del canapé’, de Juán Carlos Fernández León, un profesor que reside en Madrid, e que recibiu 1.500 euros e unha estatuilla de Cela como premio. O xurado elixiu esta obra por unanimidade entre un total de 148 relatos presentados. Valoraron a orixinalidade e estrutura do traballo premiado, de feito destacaron “a descarada voz narrativa que rompe as fronteiras do relato para dirixirse a un xurado real ao que provoca, esixe e orienta na necesidade da situación idónea para comprender calquera experiencia de lectura”. O galardón literario convocado pola concellería de Cultura do Concello de Padrón  cumpría 30 anos.

E como broche final a unha tarde adicada por completo á cultura, o trío Xacobe Martínez Trío ofreceu un concerto para todos os asistentes aos actos celebrados no Museo Camilo José Cela na vila padronesa. 

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…