-->

Padrón homenaxea ao seu voluntariado no 21 aniversario da posta en marcha da Oficina Municipal de Voluntariado

O Concello de Padrón rendeu homenaxe aos seus voluntarios e voluntarias coincidindo coa conmemoración do Día Internacional do Voluntariado. Unha homenaxe presidida polo alcalde, Antonio Fernández, e a concelleira de Voluntariado, Lorena Couso, e que incluíu a plantación dunha árbore do voluntariado e a entrega dos primeiros Premios do Voluntariado, consistentes nunhas figuras de artesanía elaboradas por AMIPA, asociación de nais e pais de persoas con discapacidade intelectual da comarca do Sar.

O alcalde de Padrón agradeceu o labor dos voluntarios e voluntarias do municipio: “hoxe sodes 36, pero durante estes 21 anos de funcionamento da Oficina Municipal de Voluntariado pasaron máis de duascentas persoas que puxeron a súa gota e, gota a gota, puidemos facer o océano pois grazas a vós temos 10 programas en marcha dos que se benefician unhas 5.000 persoas de todas as idades”. Antonio Fernández puxo en valor o esforzo do voluntariado pois “ser voluntario non é fácil, se necesita tempo e implicación, pero é unha actividade moi gratificante porque facedes que esta comunidade sexa máis xusta e inclusiva”.

Pola súa banda, Lorena Couso puxo en valor os 21 anos de actividade da Oficina Municipal de Voluntariado, “persoas que ofrecen o seu tempo para facer actividades en favor da comunidade. A estas persoas que ao longo destes 21 anos participaron na OMV queremos darlles as grazas e convidar aos veciños e veciñas a participar nela”.

Xardón femia

A homenaxe comezou no xardín botánico, coa plantación dun xardón femia por parte dos voluntarios e voluntarias presentes. Acto seguido, todas as persoas presentes desprazáronse ata o auditorio, onde tivo lugar a entrega dos I Premios do Voluntariado por parte do alcalde de Padrón, a concelleira de Voluntariado e a técnica de Voluntariado, Pilar Lorenzo. Un acto conducido polo actor e humorista José Manuel Rodríguez Puente “Isi”, que se encargou tamén de amenizar a xornada contando uns contos.

Durante a homenaxe proxectouse un vídeo no que algunhas das persoas voluntarias expresaba o que o voluntariado significaba para cada unha delas, ao tempo que animaban a máis veciños e veciñas a sumarse a esta actividade. O acto rematou coa intervención de tres voluntarias que, en representación de todas as persoas presentes, deron lectura ao texto “O mundo” do escritor uruguaio Eduardo Galeano, no que asegura que “o mundo é iso. Un montón de xente, un mar de lumiños. Cada persoa brilla con luz propia entre todas as demais. Non hai dous lumes iguais”. Un texto que relacionaron co voluntariado pois “hai quen vive a vida con tanta paixón que fai que todo se acenda. Isto é o voluntariado e iso sodes todas vós, o calor humano, a luz”.

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…