Print this page
-->

O Concello de Padrón oferta 90 prazas entre as tres quendas do programa Concilia Verán

 

A Concellaría de Servizos Sociais de Padrón manterá aberto ata o vindeiro venres día 14 o prazo de inscrición para o programa "Concilia Verán 2019", que se desenvolverá desde o 24 de xuño ata o 31 de xullo e que ofertará un total 90 prazas, a razón de 30 por cada unha das tres quendas (do 24 ao 28 de xuño, do 1 ao 15 de xullo e do 16 ao 31 de xullo).

Este servizo, que se ofertará en horario de 7.30 a 15.00, mestura unha oferta lúdica e educativa no período estival de forma que, ademais de favorecer a conciliación da vida familiar, laboral e persoal para as familias de menores de 3 a 12 anos de idade, tamén desenvolve un programa formativo adaptado a eles/as. O alcalde en funcións, Antonio Fernández Angueira, subliña "a importancia social" deste programa, xa que "facilita que os pais poidan compatibilizar mellor as súas obrigas laborais e familiares nunha épocas na que rematou o ano académico e os rapaces/as non teñen clase".

Para poder apuntarse no "Concilia Verán 2019" tanto os/as menores como os seus pais e/ou titores deberán estar empadroados en Padrón. A inscrición poderá realizarse de principio a fin do programa ou ben por quendas, sendo os prezos os seguintes: na primeira quenda, do 24 ao 28 de xuño, 15 euros; na segunda quenda, do 1 ao 15 de xullo, 30 euros; e na terceira quenda, do 16 ao 31 de xullo, 30 euros.

No caso de recibirse máis solicitudes que prazas dispoñibles, a admisión realizarase segundo a orde de puntuación acadada trala baremación por parte dos técnicos municipais e, de ser o caso, seguindo a orde de rexistro das solicitudes no Rexistro Xeral do Concello. Neste senso, cómpre lembrar que as inscricións poderán presentarse en horario de 9.00 a 13.00 cubrindo a ficha que será proporcionada nas dependencias de Servizos Sociais (Praza Manuel Rodríguez Cobián) e aportando a documentación que se requira.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…