Print this page
-->

Preto de 70 expositores participan os días 30 e 31 na "VI Exposición da Camelia e do Bonsai"

 

Padrón acollerá os vindeiros días 30 e 31 de marzo a "VI Exposición da Camelia e do Bonsai" e a "II Expo-Feira de Plantas de Colección", que reunirán no Convento do Carme a preto de 70 expositores chegados de diferentes puntos de Galicia, Asturias e Portugal, algúns dos cales presentarán tamén por primeira vez en Padrón unha mostra de orquídeas.

A organización deste evento impulsado polo Concello de Padrón programou para ambos días unha ducia de actividades de balde e abertas a tódolos públicos entre as que figuran obradoiros, charlas, demostracións e contacontos. Así, o sábado 30 de marzo, ademais de demostracións de traballos en bonsais a cargo do mestre Pablo Comesaña durante todo o día, ás 11.00 horas está previsto o inicio dun taller de horta ecolóxica en bancais elevados impartido polas enxeñeiras agrícolas especialistas en hortofloricultura ecolóxica Carme Freire Cruces e Lucía Ferreira Fernández.

Tamén o sábado 30, a partires das 17.00 horas terá lugar un taller de cultivo e coidado de orquídeas impartido pola Asociación Orquidiófilos de Galicia (Orquigal); e ás 18.00 horas procederase á entrega de premios do VI Concurso Exposición da Camelia de Padrón. Por último, ás 19.00 horas desenvolverase un taller de cultivo e coidado de cactus e crasuláceas impartido polo especialista en plantas crasas de colección Edmundo Novoa.

En canto ao domingo 31, a partires das 10.30 horas está programado un taller de poda e enxerto de froiteiras, ofrecido polo enxeñeiro agrícola, xardineiro e especialista en árbores froiteiras Alfonso Touceda. De 11.30 a 12.30 horas, Iolanda Eiras ofrecerá un contacontos musicado, coa colaboración de Camilo Seira; e ás 12.30 horas comezará unha charla sobre o cultivo de camelias e variedades, coorganizada coa UNED Senior da Coruña.

Xa pola tarde, ás 16.00 horas haberá unha demostración de técnicas de arte floral a cargo de "Sí quiero tulipán" e ás 17.00 unha charla sobre a avespa velutina titulada "o inimigo de todos que veu para quedarse", impartida pola veterinaria da Agrupación Apícola de Galicia e Presidenta da I.X.P. Mel de Galicia, Esther Ordóñez Dios.

De forma complementaria, durante toda a fin de semana a contorna do Convento do Carme acollerá senllas tres exposicións permanentes: unha de orquídeas cedidas por Orquigal, outra de fotografías de variedades galegas antigas de froitas, cedidas pola Asociación da Froita Autóctona do Eume e a Asociación Máisdetres e a terceira, tamén de fotografía de variedades galegas antigas de hortalizas, con imaxes cedidas polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e a Asociación Máisdetres. A maiores, a organización programou unha mostra de esculturas do artista local Camilo Seira e demostracións de cesteiría tradicional e de sombreiros de trigo e centeo (Sombreiros Sancosmeiros).

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…