Print this page
-->

O Concello de Padrón presenta en Fitur o cartel da Pascua, que se celebrará do 6 ao 28 de abril

 

O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, e a concelleira de Cultura e Turismo, Lorena Couso Dopazo, presentaron en Madrid na Feira Internacional de Turismo (Fitur) o cartel da Pascua 2019, que este ano celebrarase entre os días 6 e 28 de abril, sendo o Domingo de Pascua o 21 de abril.

Fernández Angueira indicou que o cartel "integra nunha ilustración moi colorista algúns dos diversos elementos que caracterizan á Pascua de Padrón", entre os que destacou a feira cabalar, os concursos morfolóxicos e as exhibicións equinas; a programación cultural e musical, as múltiples actividades deportivas, o compoñente gastronómico dos polbeiros, as atraccións infantís, os tradicionais cabezudos e a vinculación relixiosa coas procesións da Semana Santa.

O alcalde explicou que as concellarías de Cultura, Turismo, Festexos e Deportes están a traballar desde hai meses na programación de actividades, ao tempo que ultiman tamén a elaboración do Libro da Pascua. De feito, o vindeiro día 31 de xaneiro é a data límite para que todos aqueles autores/as que desexen colaborar aportando artigos poidan envialos á Concellaría de Cultura ou á Oficina de Turismo.

Entrega do expediente á oposición

Antonio Fernández Angueira tamén aproveitou a participación en Fitur para avanzarlles aos responsables da Consellería de Cultura e Turismo e da Axencia de Turismo de Galicia a súa intención de aprobar nun pleno extraordinario no vindeiro mes de febreiro o expediente de solicitude

da declaración da Pascua de Padrón como Festa de Interese Turístico de Galicia. Ao respecto, o rexedor local precisou que a vindeira semana entregaralle unha copia do expediente a tódolos grupos da oposición coa finalidade de que poidan avalialo antes do seu debate plenario. "Conseguir para a nosa Pascua ese recoñecemento autonómico sería moi positivo para todo Padrón e como goberno aspiramos a que o respaldo do pleno da Corporación a este novo intento sexa unánime", manifestou.

"Con toda a documentación recompilada no expediente, consideramos que queda sobradamente acreditado que a Pascua de Padrón cumpre tódolos requisitos necesarios para ser declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, tanto por antigüidade e continuidade no tempo, como pola súa singularidade, o arraigamento social, o valor cultural e as actividades promocionais realizadas nos últimos anos", argumentou o alcalde.

I Torneo de Judo da Pascua de Padrón

En canto á programación da Pascua, aínda que o calendario marca o comezo das festas o día 6 de abril, algunha actividade xa está prevista para finais de marzo. É o caso do I Torneo de Judo da Pascua, que están a organizar o Judo Club Senín de Cambados e a Concellaría de Deportes de Padrón e que terá lugar o día 30 de marzo. Nesta competición participarán máis de 200 judokas das categorías benxamín, alevín e infantil, é dicir, de 3 a 11 anos de idade, procedentes de diferentes clubes de judo de Galicia (Cambados, A Coruña, Lugo, A Guarda, Pontevedra, etc.) e tamén de Portugal (JuViana e JuValença).

O torneo, que será de entrada libre, desenvolverase de 10.30 a 14.00 horas, e contará coa colaboración da empresa de animación Barallocas, que aportará inchables, mascotas, servizo de ludoteca para os máis cativos, animación musical e actividades de "pintacaras" ou "tattoos".

Montaxe e desmontaxe de postos e atracción

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou o calendario para a montaxe e desmontaxe dos postos e atraccións da Pascua, de xeito que poderán comezar a instalarse o día 7 de abril a partires das 19.00 horas unha vez rematado o mercado dominical e realizada a limpeza da zona. O periodo aprobado para o funcionamento destas actividades será do 14 de abril ao 28 de abril e a desmontaxe deberá realizarse antes das 00.00 horas do día 3 de maio.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…