Print this page
-->

O autor leonés Miguel Paz Cabanas gaña o XXIX Premio Literario Camilo José Cela

 

O xurado do XXIX Premio Literario Camilo José Cela acordou hoxe na reunión celebrada no salón de plenos do consistorio padronés outorgar o galardón deste concurso de narrativa ao autor leonés Miguel Paz Cabanas polo relato titulado "Algunas canciones solo suenan al oscurecer", centrado nos límites da cordura. O premio está dotado cunha achega económica de 1.500 euros e cunha estatuiña do Nobel padronés.

O xurado valorou do texto gañador "o tratamento innovador dun tema clásico que ten o seu soporte na ambigüidade e na riqueza léxica empregada polo autor". Ademais, destacou que "a estrutura do conto apóiase na creación dunha atmósfera de misterio que envolve os personaxes, especialmente os femininos". "O conxunto destaca pola intensidade lírica e a desestabilización dos lindes entre a cordura e a loucura", apuntou o xurado na motivación da súa decisión.

Nesta vixésimo novena edición do concurso de narrativa, o xurado estivo presido pola concelleira de Cultura de Padrón, Lorena Couso Dopazo, e conformado ademais por Anxo Abuín González, profesor na Facultade Filoloxía da USC; Carmen Becerra Suárez, profesora na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo; Beatriz Vázquez Lorenzo, licenciada en Filoloxía Inglesa; Juan Casas Rigall, doutor en Filoloxía Hispánica pola USC; Carlos Arias Iglesias, funcionario da Consellería de Cultura e Turismo; e María Cruz Taboada Álvarez, funcionaria do Concello de Padrón, en calidade de secretaria.

A concelleira de Cultura e presidenta do xurado destacou que "a elevada participación constata a excelente saúde deste certame literario, impulsado polo Concello de Padrón como homenaxe perpetua á figura humana e literaria do Premio Nobel padronés".

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…