Print this page
-->

O alcalde de Padrón inicia o venres en Pazos unha rolda de reunións nas parroquias do rural

 

O alcade de Padrón, Antonio Fernández Angueira, e os demais concelleiros do goberno local iniciarán este venres 9 de novembro unha rolda de oito reunións nas parroquias do rural para abordar diferentes asuntos de interese coa veciñanza de cada zona. O primeiro encontro está previsto este venres, a partires das 20.30 horas, no local social de Pazos.

Segundo indicou o rexedor local, con estas oito reunións programadas ao longo do mes de novembro preténdese darlle continuidade á "experiencia positiva e enriquecedora" iniciada o ano pasado de achegarse a cada parroquia do rural para abordar "in situ" as necesidades e peticións que os residentes de cada zona desexen formular.

"Tanto desde a Alcaldía como desde as demais concellarías mantemos un contacto permanente coa veciñanza, pero tendo en conta que estamos a traballar na elaboración dos orzamentos para o exercicio de 2019, pensamos que é un momento apropiado para acudir a cada zona a escoitar in situ as peticións e suxestións que nos queiran trasladar", explicou o alcalde, quen prevé que "algunhas das necesidades que se recollan nestes encontros contarán xa con consignación orzamentaria para acometelas canto antes, no primeiro cuatrimestre de 2019".

En canto á programación das reunións, ás que poden acudir tódalas persoas que queiran, Fernández Angueira avisa que nos vindeiros días colocaranse carteis nas diferentes parroquias e adianta que o calendario e os lugares de celebración son os seguintes:

  • Iria Flavia (Pazos): venres 9 de novembro, ás 20.30 horas, no local social de Pazos
  • Carcacía: mércores 14 de novembro, ás 20.30 horas, no local social de Carcacía
  • Herbón: xoves 15 de novembro, ás 20.30 horas, na escola unitaria de Herbón
  • Cruces (Angueira): venres 16 de novembro, ás 20.30 horas, na escola unitaria de Angueira de Suso
  • Iria Flavia (Arretén): xoves 22 de novembro, ás 20.30 horas, no local social de Arretén
  • Extramundi: venres 23 de novembro, ás 20.30 horas, no local social de Extramundi
  • Cruces (A Escravitude): mércores 28 de novembro, ás 20.30 horas, no local social de Queiruga
  • Iria Flavia (A Ponte): venres 30 de novembro, ás 20.30 h., no local social da Ponte
Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…