-->

Dez locais ofrecerán tapas a 2 euros nas VIII Xornadas Gastronómicas "Saborea Padrón"

 

As oitavas Xornadas Gastronómicas "Saborea Padrón", organizadas pola Concellaría de Turismo para dinamizar e poñer en valor a hostalaría padronesa e a gastronomía local, desenvolveranse entre os días 5 e 14 de outubro e contarán coa participación de dez establecementos. Todos eles ofrecerán tapas a 2 euros  -consumicións aparte- elaboradas seguindo a temática do Camiño de Santiago.

Os locais participantes nesta oitava edición e as tapas que prepararán xa poden consultarse na páxina web www.terrasdeiria.com/saboreapadron e son: Central Perk (A barquiña de pedra), O Secreto (Échale huevos al Camino), O Secreto do Viño (Las vueltas del Camino), Chef Rivera (Sorpresas en el Camino), Ruta Xacobea (Ruteira), Café Cultural Airiños (Hamburguesa Peregrina), Café Bar As Camelias (O repouso do pelegrín), Retro Visor (A última e-tapa), Alpendre (O Toural) e Café Século XX (Tella do país).

As tapas poderán degustarse nas fins de semana dos días 5, 6, 7 e 12, 13 e 14 de outubro en horario de 13.00 a 15.00 e de 20.30 a 23.30 horas, se ben cada establecemento informará do seu horario específico no pasaporte que entregarán aos clientes e que lles servirá tanto para votar as mellores tapas como para participar nos sorteos de diferentes agasallos.

Aquelas persoas que conten no pasaporte con alomenos tres selos de locais diferentes participarán no sorteo dun vale de 100 euros para consumicións no establecemento gañador e de 3 vales de 50 euros cada un para consumicións nun dos locais participantes; pola súa parte, aquelas persoas que conten co selo dos 10 establecementos entrarán no sorteo dun premio especial a escoller entre o aloxamento dunha noite con almorzo para

dúas persoas no hotel O Semáforo de Fisterra -inclúe queimada- ou no aloxamento para dúas persoas nunha casa rural do Courel, con almorzo e excursión con guía especializado en natureza.

Ademais do premio á mellor tapa que outorgará o público e que constará dunha placa para o establecemento gañador, dun diploma acreditativo, da participación cunha actividade no "Saborea Padrón" de 2019 e na posibilidade de representar a Padrón en eventos gastronómicos doutros concellos, tamén haberá un xurado encargado de avaliar cal é a mellor tapa; neste caso, o establecemento gañador recibirá un trofeo que poderá expor no seu local ata as xornadas gastronómicas do ano seguinte.

Actividades paralelas

Para reforzar os atractivos destas xornadas gastronómicas, desde a concellaría que dirixe Lorena Couso programaranse tamén diferentes actividades complementarias, turísticas e culturais. Así, o sábado 6 de outubro ás 9.00 horas terá lugar a ruta "Recunchos do Ullar e Sar", do programa Goza do Ulla; ás 17.30 horas realizarase unha visita guiada por Padrón; e ás 20.30 horas actuará na igrexa parroquial de Santiago de Padrón o Cuarteto Romántico Ekaterimburgc, de Rusia -estas tres actividades son de balde para os asistentes, se ben nas dúas primeiras é preciso inscribirse na Oficina de Turismo: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou 646593319-.

Pola súa parte, o venres 12 de outubro ás 9.30 horas realizarase o Camiño de Santiago a pé desde Compostela ata Padrón pola ruta antiga ou Camiño Sagrado. O prezo desta actividade é de 17 euros e inclúe un guía acompañante e seguro e aquelas persoas interesadas deberán apuntarse en Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou no teléfono 676814674.

Finalmente, o sábado 13 de outubro, ás 11.00 horas realizarase a ruta etnobotánica en Herbón "Remedios dos Camiños", que incluirá unha visita ao convento de Herbón guiada por un integrante da da comunidade franciscana e un paseo pola Ruta do Pemento de Herbón, guiada por un experto en plantas. Esta actividade, para a que hai que inscribirse na Oficina de Turismo, ten un custo de dous euros e inclúe a ruta guiada, a visita ao convento, unha mochila e a tapa gañadora do Saborea Padrón de 2017. Xa as 17.30 horas, está prevista outra visita guiada por Padrón, tamén de balde para os asistentes que se inscriban na Oficina de Turismo.

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…