Print this page
-->

O Concello abre a solicitude de subvencións para actividades deportivas e culturais e para festexos

 

O Concello de Padrón abriu onte o prazo de solicitude de subvencións municipais a persoas ou entidades públicas e/ou privadas para colaborar no desenvolvemento de actividades ou accións de interese no ámbito cultural, deportivo e de festexos populares.

A partida global destinada polo goberno local a estas achegas ascende a 9.000 euros e os solicitantes dispoñen dun prazo de 15 días naturais para presentar toda a documentación necesaria no Rexistro Xeral de entrada do Concello de Padrón. Ao respecto, todas aquelas persoas e entidades interesadas poden consultar a convocatoria das subvencións e obter os diferentes modelos de documentos a presentar na páxina web municipal no menú de Servizos-Subvencións (http://www.padron.gal/servizos-on-line/subvencions).

En canto ao obxecto destas subvencións, no eido da promoción de actividades culturais e deportivas enténdense como subvencionables as seguintes actividades: celebracións, homenaxes, exposicións, publicacións, concursos, certames, mostras, excursións, eventos musicais, eventos deportivos, encontros, conferencias, estudos, competicións, campionatos e, en xeral, calquera actividade de conservación, promoción e divulgación dos valores culturais e deportivos. E no eido dos festexos populares, estas axudas poderán cofinanciar celebracións realizadas por entidades cidadás que teñan carácter tradicional e cultural e que permitan o acceso ao público en xeral, sen pago de entrada.

Só poderán ser obxecto destas axudas aquelas actividades desenvolvidas a partires do 1 de xaneiro de 2018 e en ningún caso serán subvencionables os investimentos reais, os gastos de mantemento ordinario (teléfono, auga, luz, gas, etc.), nin os gastos de bebidas alcólicas nin tabaco. Tampouco poden beneficiarse desta convocatoria de subvencións aquelas actividades que xa estean suxeitas a algún convenio de colaboración co Concello de Padrón nin as que xa recibiran outro tipo de axuda municipal.

Certificado dixital

En relación coa tramitación destas e outras axudas, desde a Concellería de Cultura avísase a tódalas asociacións culturais e deportivas e ás comisións de festas que a normativa obriga a que a partires do vindeiro 1 de outubro todas deberán dispor do correspondente certificado dixital para poder realizar por medios electrónicos calquera trámite ou procedemento administrativo co Concello.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…