Print this page
-->

O Concello de Padrón aproba seis proxectos de obras cun investimento de 222.000 euros

 

O goberno local de Padrón vén de aprobar na última reunión da Xunta de Goberno Local un paquete de seis proxectos de obras que suman un investimento total de 222.000 euros na mellora de accesos e camiños nas parroquias de Iria, Herbón, Cruces e Padrón e na creación dun parque público no Campo da Barca.

Segundo explicou o concelleiro de Vías e Obras, José Ramón Pardo, estes seis proxectos engloban un total de nove actuacións que o goberno local licitará "o antes posible co obxectivo de telas finalizadas antes do remate do exercicio de 2018".

O proxecto de creación dun parque público no Campo da Barca, que contará cun orzamento de 37.600 euros, incluirá o acondicionamento dunha parcela de preto de 250 metros cadrados e a instalación de pavimento elástico, dun peche perimetral e de xogos infantís como unha torre, un columpio, dous xogos resorte e un balancín.

En canto ás melloras de viais, o proxecto de maior contía (46.800 euros) inclúe a mellora da capa de rodaxe nun treito de 450 metros no camiño Morono-Estrada de Pontecesures, na parroquia de Herbón, e a mesma actuación nun treito de 350 metros do camiño Pedreda-O Roucón, na parroquia de Iria.

Outro dos proxectos, cun investimento de 37.500 euros, consistirá na mellora da capa de rodaxe dun camiño de 310 metros en Ponte Aldea, en Padrón, e de dous tramos de 190 e 150 metros, respectivamente, no lugar de Extramundi de Abaixo. Cun importe semellante (37.200 euros), tamén se aprobou a mellora da capa de rodaxe no camiño Bascuas-Límite de Teo, cunha lonxitude de 640 metros.

Tamén se acometerá por 33.000 euros a mellora de dous treitos no acceso ao Roucón (Iria) e a pavimentación de tres tramos dun vial no núcleo de Luáns e, por último, cun investimento de 30.000 euros, mellorarase a capa de rodaxe en dous treitos do camiño de acceso a Finsa e o transversal e pavimentaranse outros dous tramos.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…