Print this page
-->

O Concello de Padrón distingue a Manuel Garrido, estudoso do Camiño de Santiago, como II Peregrino de Honra

 

O estudoso do Camiño de Santiago Manuel Garrido Rivero, natural de Segovia pero afincado en Padrón desde 1992, recibiu hoxe de mans do rexedor local, Antonio Fernández Angueira, o galardón "Padrón, Berce do Xacobeo", que o distingue como II Peregrino de Honra.

Acompañado pola concelleira de Cultura e Turismo, Lorena Couso, polo concelleiro de Festexos, Ángel Rodríguez Conde, por outros edís da Corporación Municipal e tamén polos alcaldes de Dodro, Valentín Alfonsín, e Cesures, Juan Manuel Vidal, o rexedor padronés entregoulle o galardón ao remate da tradicional Misa do Peregrino, celebrada na igrexa parroquial de Padrón, en recoñecemento ao seu labor a prol da recuperación e posta en valor do Camiño de Santiago. Manuel Garrido colle así o testemuño do locutor padronés Pepe Domingo Castaño, que recibiu o ano pasado o recoñecemento como I Peregrino de Honra.

Licenciado en Historia, Manuel Garrido é autor da primeira guía práctica do Camiño Portugués (2004) e tamén participou na redacción da Gran Enciclopedia do Camiño de Santiago. Diccionario da Cultura Xacobea (2010). Ademais, é socio fundador da Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago.

 

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…