-->

Padrón celebra o XX Aniversario da Oficina de Voluntariado cunha programación especial

 

O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, a concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Voluntariado, Lorena Couso, e a técnico da Oficina Municipal de Voluntariado, Pilar Lorenzo, presentaron esta mañá a programación especial de actividades coa que se celebrará o XX Aniversario da Oficina Municipal de Voluntariado (OMV) de Padrón.

O alcalde salientou que “Padrón é un concello comprometido co voluntariado" e subliñou que "debe sentirse moi orgulloso de celebrar este vixésimo aniversario da OMV, unha entidade que é un referente no ámbito do voluntariado pola súa dilatada traxectoria”. Ao longo destes 20 anos formaron parte deste proxecto máis de 250 persoas voluntarias, estando a media anual nunhas 40 persoas voluntarias, que na súa meirande parte son mulleres novas ou de mediana idade. Estas persoas voluntarias, conxuntamente co persoal técnico, permiten dar soporte cada ano a máis de dez programas estables de voluntariado, dos que se benefician máis de 5.000 padroneses/as.

Pola súa parte, Lorena Couso anunciou algunhas das novidades que se porán en marcha durante o último semestre do ano. Entre as actividades a realizar destacan unhas xornadas de “Artivismo” para visibilizar o labor da entidade entre a poboación local, na que se empregaran diferentes experiencias artísticas para plasmar o labor voluntario; sesións de workshop con persoas desempregradas ou na procura de mellora de emprego, e o deseño e percorrido dun roteiro que vén poñer en valor o labor das mulleres padronesas do pasado século e que se enmarca dentro do programa “Camiños da Igualdade”.

Ademais, conxuntamente coa asociación AMIPA, estase a traballar para pór en marcha o programa “Libros Viaxeiros”, no que se pretende integrar a locais da hostalaría nunha  actividade cultural de lectura compartida; serán obras de “lectura fácil” que percorrerán os diferentes establecementos que acollerán sesións de lectura e debate, ás que se poderá incorporar de xeito espontáneo a cidadanía interesada.

Para pechar as actividades tamén se celebrará unha gala solidaria do Concello de Padrón, crearase unha guía de asociacións e entidades padronesas e realizaranse unhas xornadas profesionais sobre o voluntariado nas que participarán entidades e colectivos chegados de diferentes lugares de Galicia. Esta programación especial complementará o labor que se está a desenvolver a través dos programas estables de sensibilización nos centros educativos, Voluntariado en saúde, Voluntariado medioambiental, Voluntariado en Igualdade, Club de Lectura en Valores, etc. 

A celebración deste vixésimo aniversario vén acompañada dunha renovación da imaxe da Oficina Municipal de Voluntariado, que estrea logotipo e que ampliará a súa presenza nas redes a través da creación dun Blog e a apertura do Instagram, sumándose así ao labor de visibilización que xa está a realizar. O broche final da celebración terá lugar no mes de decembro cunha gran xuntanza conmemorativa, que se agarda que teña unha excelente acollida entre o voluntariado local.

 

Sobre a OMV de Padrón

A Oficina Municipal de Voluntariado do Concello de Padrón é unha agrupación de voluntariado local, de implantación municipal, que ten 20 anos de traxectoria e conta actualmente con máis de 10 liñas de acción, nas que colaboran 30 persoas voluntarias.

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…