-->

O concello activa as actividades do "Padrón Literario" en colaboración coas fundacións de Rosalía e Cela

 

O Concello de Padrón comezou a divulgar hoxe as actividades do programa "Padrón Literario", unha nova iniciativa impulsada desde as concellerías de Cultura e Turismo, que dirixe Lorena Couso, e que "pretende converter a riqueza cultural e literaria da capital do Sar nun recurso turístico cada vez máis atractivo".

A concelleira salientou que esta iniciativa conta coa colaboración da Fundación Rosalía de Castro e da Fundación Pública Galega Camilo José Cela, o que, na súa opinión, "xa é unha garantía de éxito, porque son dúas das entidades máis relevantes de Galicia en canto á defensa e posta en valor do patrimonio literario de dous autores esenciais da nosa cultura". Por iso, agradeceu "a súa implicación e o seu esforzo por seguir potenciando os recursos culturais que ten Padrón e que, no eido da literatura, trascenden as fronteiras locais e son un referente para para toda Galicia e tamén para o resto do territorio nacional".

En canto á quincena de actividades previstas desde o luns 16 de abril ata finais do vindeiro mes de maio, a concelleira resalta que é "un compendio de actividades pensadas para atraer a públicos de tódalas idades, posto que inclúe desde rutas e visitas guiadas para adultos ata contacontos e espectáculos infantís".

Principais actividades

A Biblioteca Municipal acollerá desde o luns 16 de abril ata o 31 de maio a exposición "Os personaxes dos libros visitan a túa biblioteca". No eido das rutas literarias, o sábado 5 de maio está prevista a realización da Ruta Rosaliana, visitando os municipios de Santiago, Ames, Brión e Padrón; o sábado 12 de maio realizarase unha ruta de 3 quilómetros na contorna da Fundación P. G. Camilo José Cela; e o sábado 19 de maio realizarase unha visita guiada teatral á sede desta mesma fundación. Ademais, os sábados 5, 12, 19 e 26 de maio programaranse visitas literarias guiadas polo casco histórico de Padrón.

Tamén os máis pequenos contarán con actividades específicas, como o contacontos "O xardín dos contos", o mércores 9 de maio; o espectáculo "O cego dos monifates, Romance de cans", o venres 11 de maio; a IV Festa da Lingua, o día 18 de maio na Praza de Macías, en colaboración co IES Camilo José Cela e o IES Macías O Namorado; o espectáculo infantil "Contos nas orellas", o venres 18 de maio; ou o espectáculo infantil "Entre arrolos e contiños", o sábado 19 de maio.

Vocación de continuidade

Ao respecto, Lorena Couso subliñou que "Padrón Literario é unha iniciativa que nace con vocación de continuidade no futuro, polo que se decidiu crear unha marca específica na que aparecen representados os tres autores máis destacados da literatura local: Rosalía de Castro, Camilo José Cela e Macías O Namorado".

 

 

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. More details…