Print this page
-->

Padrón, Ames e Brión integran a Santiago na ruta cultural "As pegadas de Rosalía"

 

A ruta cultural "As pegadas de Rosalía", que xa fora presentada en xaneiro en Fitur, acolleu hoxe no compostelano Pazo de Raxoi a presentación da adhesión do Concello de Santiago, que vén a sumarse así aos de Padrón, Ames e Brión. Esta iniciativa é un itinerario circular que parte da praza de Vigo e chega ao Panteón de Galegos Ilustres, despois de percorrer lugares vinculados á vida de Rosalía de Castro, como San Xoán de Ortoño, a igrexa de Bastavales, en Brión, ou a colexiata de Iria Flavia, en Padrón. Ademais, esta mañá representantes dos Concellos promotores deste novo itinerario cultural mantiveron unha xuntanza coa directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, e co Xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez.

A través desta iniciativa preténdese, en primeiro lugar, achegar a vida de Rosalía de Castro a toda a poboación, e ademais, desenvolver un itinerario cultural a partir dunha ruta xa existente deseñada polo intelectual dodrense Avelino Abuín de Tembra e que une os concellos de Santiago de Compostela, Ames, Brión, Padrón e Dodro. Parte da praza de Vigo de Santiago, lugar onde naceu Rosalía de Castro o 24 de febreiro de 1837, e posteriormente discorre por lugares como San Xoán de Ortoño, en Ames, lugar de nacemento do pai de Rosalía e do Seminario de Estudos Galegos; a igrexa de Bastavales, en Brión, cuxas campás foron cantadas pola escritora; e a colexiata de Iria Flavia, o Pazo de Arretén e a Casa de Rosalía, no Concello de Padrón. A última parada do roteiro circular é, de volta en Santiago, o Panteón de Galegos Ilustres da igrexa de San Domingo de Bonaval, onde está soterrada a autora.

Polo de agora, a ruta de "As pegadas de Rosalía" está concibida para ser percorrida en coche ou en autobús, pero o obxectivo é deseñar itinerarios para que o roteiro poida ser realizado en bicicleta ou mesmo a pé. Nas páxinas web de cada concello participante pódese atopar o folleto do proxecto, así como unha contorna web 360.

Presentación da ruta cultural

A presentación correu a cargo dos alcaldes de Ames, José Miñones; Santiago, Martiño Noriega; e Brión, José Luís García; así como da concelleira de Cultura e Turismo de Padrón, Lorena Couso; e do presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira. Tamén participou María Luísa Ferreiro, en representación da empresa Galicia es +, promotora do proxecto.

O alcalde de Ames, José Miñones, quixo lembrar que Rosalía ten un forte vínculo con Ames porque "aquí está a casa onde naceu o seu pai, foi tamén onde xurdiu o Seminario de Estudos Galegos, e quedan moitos lugares rosalianos por descubrir, sobre todo nas ribeiras do Sar".

Na súa intervención, a concelleira de Turismo e Cultura de Padrón, Lorena Couso, incidiu en que "os catro concellos que participan no proxecto non tiveron que inventar nada, só foi preciso poñer en valor o patrimonio rosaliano que sempre estivo aí". Tamén apuntou que "Rosalía é un dos principais sinais de identidade de Padrón, un pobo pequeno en habitantes e extensión pero que pode presumir de ser o berce da autora de Follas Novas, de Camilo José Cela e do fenómeno xacobeo".

Na presentación participou tamén o presidente da Fundación Rosalía de Castro, que presta asesoramento para o desenvolvemento do proxecto "As pegadas de Rosalía". Anxo Angueira cualificou de "felicidade que Santiago se sume a este proxecto, que celebra as cousas que nos unen, como o río Sar, o Camiño de Santiago ou a propia figura de Rosalía". Tamén se mostrou convencido de que a Ruta Rosaliana "achéganos á figura da escritora, pero tamén á historia de Galicia, á súa arte e á súa natureza". O presidente da Fundación Rosalía rematou lembrando a Avelino Abuín de Tembra que, dixo, "foi o primeiro en ter a idea de crear unha ruta polos lugares rosalianos".

"As Rosalías da Vida"

Na rolda desta mañá tamén se presentou o evento "As Rosalías da Vida", que se vai celebrar o 26 de marzo coincidindo co Día do Cancro Uterino, enfermidade da que faleceu a autora. Trátase de visitas teatralizadas á Casa Museo de Rosalía en Padrón, unha ás 18:00 e outra ás 19:00 horas. As dúas terán prazas limitadas, e é preciso inscribirse a través do teléfono 646 593 319 ou no correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. No mesmo día, ás 20.00 horas, haberá unha mesa redonda aberta ao público, con relatoras identificadas como "As Rosalías da Vida", que representarán a todas esas mulleres que se senten "un pouco Rosalías". Este último acto é aberto ao público ata completar aforo.

Reunión con Nava Castro

Por outra banda, esta mañá as concelleiras de Turismo de Ames, Isabel González, de Padrón, Lorena Couso, e o alcalde de Brión, José Luís García, mantiveron unha xuntanza coa Directora Xeral de Turismo de Galicia, Nava Castro, e co Xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez. En dito encontro presentóuselle o devandito proxecto á  Directora Xeral de Turismo de Galicia, aínda que xa o coñecía debido a que estivo na presentación feita en Fitur, en Madrid, no pasado mes de xaneiro.

Nava Castro mostrou a súa disposición para este nova ruta cultural sexa promocionada en diferentes actos e feiras de Turismo na que participe a Dirección Xeral de Turismo de Galicia. Asemade, animou ao Concellos promotores a preparar o correspondente expediente desta iniciativa para envíalo á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, para que sexa recoñecida como ruta cultural e poder optar as axudas públicas que se convocan para este fin.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…