Print this page
-->

O Concello autoriza unha prospección arqueolóxica para buscar a rocha na que se depositou o corpo sen vida do Apóstolo

 

O Concello de Padrón deulle o visto bo ao proxecto presentado pola Asociación Cultural Villa Petroni para levar a cabo unha prospección arqueolóxica na zona da Barca, no barrio da Trabanca, onde a tradición xacobea situaría unha rocha de grandes dimensións na que se tería depositado o corpo sen vida do Apóstolo Santiago á súa chegada a Padrón, procedente de Haffa (Palestina).

O obxectivo desta intervención arqueolóxica é realizar unha análise do subsolo no antiguo meandro do río Sar ao seu paso pola Barca -empregando técnicas xeofísicas cun sistema xeorradar-, ao fin de tentar localizar dita rocha para, no suposto de atopala, realizar posteriormente unha excavación para a súa recuperación e posta en valor.

O presidente da A.C. Villa Petroni, Ángel Rey Castro, lembra que "a tradición popular recolle, alomenos desde o século XV, a existencia desa pedra" e considera que "este proxecto aválase en si mesmo, xa que todas as fontes escritas están redactadas por testemuños de excepción, cun creto incuestionable".

Por parte do Concello de Padrón, o alcalde, Antonio Fernández Angueira, afirma estar "expectante" con esa iniciativa, posto que, de confirmarse o achádego dese vestixio arqueolóxico, suporía "un antes e un despois na historia de Padrón e ese descubrimento tería unha gran relevancia neste pobo e en toda Galicia, máis aínda na antesala do Xacobeo de 2021".

Este proxecto conta coa colaboración como mecenas da empresa Vermutería de Galicia, vinculada sempre á defensa das raíces históricas e culturais desta terra. "Este proxecto chéganos pola inquedanza de Ángel Rey de defender que en Padrón é onde nace o Camiño de Santiago e, desde Vermutería de Galicia, como fortes defensores e promotores da nosa terra, arrouparemos á Asociación Cultural Villa Petroni e poremos todos os medios necesarios para levar a cabo o proxecto na súa totalidade, empregando todos os recursos ao noso alcance, sempre cun fin último que é arroupar a Padrón e arroupar a Galicia", afirma a xerente da empresa, Cristina Codesido. 

Antecedentes e fontes documentais

A existencia da rocha que se pretende localizar aparece recollida en diferentes referencias bibliográficas presentadas pola A.C. Villa Petroni: escritos de Ambrosio de Morales (cronista do rei Felipe II), do licenciado Bartolomé Sagrario de Molina, do cardeal Jerónimo del Hoyo e de viaxeiros e peregrinos como Rosmithal de Blatna, Múnzer ou o italiano Giacomo Antonio Naia, entre outros. 

Segundo estas fontes, trátase dunha rocha situada nun meandro do río Sar, na que a erosión natural formou unha impronta de configuración antropomorfa, identificada pola tradición popular como a pedra na que se despositou o cadavre do Apóstolo Santiago. Segundo diversos escritos, preto da rocha tamén podería haber unhas esqueiras e un humilladoiro.

Na actualidade non existe rastro dese meandro, xa que na década de 1960 esa zona foi reenchida con áridos por mor da canalización do río Sar, nivelándose o terreo. 

Proxecto arqueolóxico

A intervención arqueolóxica que se pretende realizar e que estaría pendente da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural consistiría nunha prospección con xeorradar 3D multifrecuencia e sería efectuada pola empresa Prospectiva y Análisis Arqueológicos S.L., baixo a dirección do arqueólogo Andrés Bonilla Rodríguez. 

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…