-->

A Fundación Pública Galega Camilo José Cela estrea nova museografía na sede de Iria Flavia

 

A Fundación Pública Galega Camilo José Cela reabriu hoxe o seu museo en Iria Flavia cun novo percorrido expositivo que foi inaugurado polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, nun acto que contou tamén coa presenza do alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, e doutras autoridades da bisbarra e da Xunta de Galicia. Esta nova museografía, que poderá visitarse de xeito gratuíto durante o presente mes de febreiro, avanza de forma cronolóxica na traxectoria do Nobel galego e incorpora tanto materiais da exposición "CJC. El centenario de un Nobel" como dos fondos do Museo ferrocarrileiro John Trulock. 

Na súa intervención, o rexedor local sinalou que "en Padrón, posiblemente de forma máis acentuada que noutros lugares, valórase a cultura e créese no seu aproveitamento como polo de atracción de visitantes e como un importante factor de desenvolvemento, cunha gran incidencia no ámbito turístico e económico". Por tal motivo, fronte a algún intento recente para trasladar de Padrón a Vilagarcía recursos da fundación -concretamente, a locomotora coñecida como "La Sarita"-, Fernández Angueira subliñou que "con esta inauguración estamos no camiño axeitado: non desmantelando o que temos, senón potenciándoo". "E ese é o camiño que queremos seguir, contando sempre coa implicación e a colaboración da Xunta de Galicia e nomeadamente do conselleiro de Cultura", engadiu.

Pola súa parte, o conselleiro Román Rodríguez explicou no seu discurso que o investimento de 50.000 euros realizado no museo permitirá un mellor achegamento á figura do premio Nobel, adaptándoa a todos os públicos. De feito, a nova museografía ten un marcado carácter educativo, cun discurso cronolóxico, de forma que os visitantes iniciarán o percorrido co nacemento do escritor padronés o 11 de maio de 1916 para finalizar co seu pasamento e, a través das distintas salas, irán coñecendo os fitos máis importantes na vida e na obra de Cela.

Este novo discurso expositivo permitirá aos visitantes achegarse tamén ás facetas menos coñecidas de Cela, coma a de viaxeiro, pintor, actor, editor, etc., grazas á incorporación das directrices xa marcadas polo comisario da exposición conmemorativa do centenario do nacemento do escritor, Adolfo Sotelo Vázquez, da que proceden unha gran parte dos materiais novos que agora se expoñen -motivo polo que o conselleiro quixo agradecer a Acción Cultural Española a doazón destes recursos-.

Fondos ferrocarrileiros

Así mesmo, o titular de Cultura da Xunta de Galicia salientou que a nova museografía permite dar resposta a unha demanda histórica da sociedade civil padronesa, a de incorporar ao Museo Camilo José Cela o Museo ferrocarrileiro John Trulock. A este respecto, quixo agradecer a intensa colaboración da Fundación de Ferrocarriles Españoles, entidade propietaria da meirande parte destes fondos.

Entre os materiais que agora se poderán contemplar na sede da Fundación hai documentos orixinais da The West Galician Company -que facía o traxecto entre Cornes (Santiago de Compostela) e Carril (Pontevedra)-, coleccións ferroviarias, elementos de vía e mesmo un Ford T de 1917 igual ao que posuía o propio Trulock, avó do Nobel e un dos principais artífices da primeira liña ferroviaria que houbo en Galicia.

Outras melloras

A remodelación permitiu, ademais de mellorar o percorrido museográfico modernizando tanto o continente coma o contido do museo, renovar o sistema de seguridade das distintas salas e espazos expositivos e eliminar as humidades presentes en diversas salas.

O conselleiro quixo salientar que a renovación do museo permitirá avanzar no labor de protexer e dar a coñecer o valioso legado que o Nobel doou a Galicia e que se conserva na sede de Iria Flavia, e agradeceu o esforzo feito por todas as partes implicadas para que a sede da Fundación Pública Camilo José Cela sexa unha visita recomendable para quen se achegue a Galicia.

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…