Print this page
-->

O alcalde reúnese co director xeral de Carreteras para urxir a mellora da travesía da N-550

 

O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, reuniuse esta semana no Ministerio de Fomento co director xeral de Carreteras, Jorge Urrecho Corrales, para urxir a execución do proxecto de mellora da travesía da estrada N-550, que comprende a avenida de Pontecesures desde a ponte sobre o río Ulla e a parte inicial da avenida de Compostela.

Fernández Angueira, que aproveitou a súa viaxe a Madrid para presentar na Feira Internacional de Turismo (Fitur) a ruta "As pegadas de Rosalía", acudiu á reunión acompañado polo concelleiro de Obras, José Ramón Pardo, e pola deputada popular pola provincia da Coruña Marta González.

No encontro, o rexedor trasladoulle a Jorge Urrecho a necesidade de acometer canto antes, "por cuestións de seguridade vial e tamén para mellorar a imaxe de Padrón", o acondicionamento da entrada ao pobo "pola que chegan cada ano milleiros de peregrinos que percorren o Camiño Portugués".

Aínda coñecendo as limitacións orzamentarias, o alcalde indicoulle ao director xeral de Carreteras que este proxecto é "absolutamente prioritario" para Padrón e lembroulle que trátase dunha actuación nun treito de pouco máis de 1,2 quilómetros de lonxitude e que tería un orzamento lixeiramente superior aos 4 millóns de euros.

Ao respecto, precisou que durante a época de Ana Pastor como ministra de Fomento xa se acometera unha parte inicial deste proxecto, consistente no derrubamento dalgunhas casas, cun investimento aproximado de 500.000 euros.  

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…