Print this page
-->

A humanización da Praza da Leña inicia unha batería de obras con máis de 800.000 euros de investimento

 

O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, e o concelleiro de Obras, José Ramón Pardo, supervisaron esta mañá o inicio das obras de humanización da Praza da Leña, que comezou a executar a empresa Construcciones Iglesias Mera e que suporá un investimento superior aos 31.000 euros.

Antonio Fernández Angueira salientou que este proxecto marca o inicio da execución dunha batería de obras que se acometerán nos vindeiros meses, tanto no centro urbano como no rural, e que suporán un investimento conxunto superior aos 800.000 euros.

No caso concreto da humanización da Praza da Leña, o alcalde indicou que a actuación inclúe a mellora do firme con tramos de aglomerado en quente e tramos de formigón, ademais da instalación de tubaxes de PVC, a construción de arquetas con sumidoiro para a canalización das augas pluviais e o pintado da sinalización horizontal.

Obras no centro urbano e no rural

O rexedor local avanzou que a humanización da Praza da Leña marca o comezo dunha batería de obras de próxima execución entre as que se atopan as seguintes: instalación da pasarela peonil sobre o río Sar, que conectará a zona do Bordel co campo da Barca e que xa foi adxudicada a Copcisa pola Consellería de Medio Ambiente; a humanización da rúa Bordel, xa adxudicada a Construcciones D. Ogando; a reposición do abastecemento e reparación de beirarrúas e pavimentación no Campo da Feira; a reparación de varandas no paseo fluvial do río Sar; a pavimentación da avenida de Pontecesures e a pavimentación entre a rúa Nourmoutier e o polideportivo.

En canto ao rural, Fernández Angueira precisou que algunhas das obras de próxima execución son o saneamento en Muíños, a reparación dun camiño en Ribadulla e Corral, a conexión do saneamento en Extramundi, a reposición da rede de abastecemento a Iria e a mellora de camiños en Bascua e Confurco (Herbón).

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…