Print this page
-->

A Concellería de Persoal activa o proceso de elaboración da Relación de Postos de Traballo

 

O concelleiro de Persoal de Padrón, Ángel Rodríguez Conde, vén de activar o proceso administrativo para a elaboración dunha Relación de Postos de Traballo (RPT) que permita "adaptar a actual estrutura de persoal ás necesidades reais do concello para ser máis eficaces na atención aos padroneses e na prestación dos servizos públicos".

Despois de avaliar ata cinco alternativas diferentes, Ángel Rodríguez mantivo en días pasados unha primeira reunión co responsable da empresa J&L-T Consulting, Fernando Tudó, que será a encargada de dirixir e tutelar todo o proceso a través dunha asistencia técnica. Esta firma, que ten implantación a nivel nacional, conta con profesionais de prestixio procedentes da Administración Local e está especializada na elaboración de RPTs, acumulando unha bagaxe de máis de 100 aprobadas nos últimos anos -entre concellos e organismos supramunicipais de diferentes tamaños e de distintas comunidades autónomas-.

O concelleiro de Persoal destaca que a elaboración da RPT era "un dos compromisos establecidos no pacto PP-PGD e que agora, cun goberno estable, vai ser posible sacar adiante". Neste senso, apunta a súa intención de que todo o proceso estea "caracterizado polo diálogo cos traballadores municipais e cos seus representantes" e sinala que o labor que realizará J&L-T Consulting trascende a unha mera redacción dunha RPT, xa que incluirá tarefas de análise previa e consultoría. De feito, analizará a estrutura dos recursos humanos existentes no concello ata a data, formularía unha proposta de estrutura de persoal ideal e, unha vez comparadas e considerados os condicionantes económicos, presentará a solución máis acorde ás necesidades municipais. Ademais, desde unha perspectiva interna, Ángel Rodríguez precisa que a RPT "tamén servirá para clarificar e establecer os criterios de ordenación das escalas salariais dos empregados municipais".

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…